Rebeca Baceiredo: “Inocular fascismo é a forma de evitar que o pobo se dea á subversión”

Entrevista de Montse Dopico a Rebeca Baceiredo en Magazine Cultural Galego:
“Rebeca Baceiredo gañou o premio da AELG na modalidade de ensaio con A revolución non vai ser televisada (Euseino edicións). Recupero para Magazine Cultural Galego unha entrevista que lle fixera sobre esta obra para Praza Pública.
O neoliberalismo fascista artellou uns mecanismos de dominación cada vez máis sofisticados. Un novo xeito de escravitude converte o ser humano nun máis dos engrenaxes da máquina produtiva. Neste contexto, o control absoluto sobre os corpos e as mentes garántese a través da regulación das formas “correctas” de pensar, de sexualidade, os espazos e os tempos apropiados para ler, comer, xogar… Este é o panorama que debuxa a ensaísta Rebeca Baceiredo no seu novo libro, A revolución non vai ser televisada (Euseino edicións). Mais, como di xa o título, fica espazo para a rebelión. Sempre que os escravos decidan deixar de selo. Explícao a autora nesta entrevista.
– Montse Dopico (MD): Un dos puntos de ancoraxe do libro é, a partir da filosofía de Deleuze, a reflexión arredor da produción da subxectividade como instrumento de poder da oligarquía dominante. Por que non bastaba coa teoría marxista e, en xeral, coa dos filósofos da sospeita, para explicar a realidade actual?
– Rebeca Baceiredo: Penso que ningún filósofo pensa a partir da nada, todos recollen a tradición. Ora ben, nesa tradición existen unas liñas ou outras (e vanse enriquecendo). Entón, talvez a teoría marxista clásica facía máis fincapé na macroestrutura e ignoraba ao individuo como elemento constituínte desa estrutura, desa organización social, socioeconómica. Ter en conta a materia coa que se conforma a sociedade paréceme algo imprescindible, porque permite afiar o coñecemento desa realidade. (De todos os xeitos, tamén se intentou achegar o marxismo a Freud, pero paréceme que, se ben como análise cultural e social pode resultar interesante, falta a precisión ontolóxica que eu vexo en Deleuze).
Freud, sen embargo, puxo todo o foco no individuo e esqueceu o social, o papel da cultura na conformación (e polo tanto, nos conflitos) do suxeito. Descobre o inconsciente, di Deleuze, pero queda ás portas, porque o entende a partir dos feitos, a partir do dado: pénsao como teatro, como representación e non como produción. É dicir, enténdeo como estrutura universal e non efecto dos estímulos (inputs) recibidos. Isto fai que se exima á sociedade da súa responsabilidade: semella que o tipo de cultura non ten nada que ver no que que poboa a cabeza dos individuos (e polo tanto, pode rexer a súa conduta, dende o plano inconsciente, claro). Nietzsche, pola contra, si é unha fonte importante para Deleuze, que interpreta ontoloxicamente o seu mapa conceptual: penso que Nietzsche explica ben os estratos ontolóxicos do individuo e da mesma cultura, e deixa ao descuberto as fisuras polas que se cola a pezoña das forzas reactivas que el observou xa, pero para explicar a ‘realidade actual’ entendo que tamén hai que rozar aspectos (explicitamente) políticos e económicos. (…)”