Por min o galego terá mil primaveras máis, campaña de ProLingua

Desde ProLingua:
“As Mil primaveras máis para a lingua galega, que Cunqueiro desexou e para as que fixo brotar unha obra excepcional, motívannos a botar a andar unha nova campaña na que ti es fundamental.
Somos conscientes de que unha lingua só ten sentido se a falamos, porque só así garantimos o seu futuro. Por iso sementamos vida cando a empregamos, cando soñamos nela, cando bailamos ao seu son, cando nos indignamos coa forza que ela nos dá, cando a eliximos para transmitírllela ás novas xeracións, cando a protexemos dos que non nos entenden, cando codificamos o mundo a través dela… cando ti decides que é a túa lingua.
ProLingua quere que ese compromiso individual sexa visible nesta primavera. Polo que che pedimos que graves un vídeo dicindo Por min o galego terá mil primaveras máis (ou ben coa frase Por nós o galego terá mil primaveras máis, se o fas en grupo) e que nolo envíes a prolinguagalega@gmail.com antes do 23 de maio. No correo indícanos o teu nome e apelidos, lugar de orixe e profesión.
Antes de rematar a primavera florecerá unha gravación na que cada compromiso individual dea vida a un compromiso colectivo. Sumaremos forzas e ampliaremos a rede de afectos ao redor do idioma para seguir sentindo que a Patria da Lingua Galega terá mil primaveras máis.

ProLingua, 25 de abril do 2014″