Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Vanesa Santiago Vázquez:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A dúbida.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O bo humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinxelamente, sentirme apreciada. Cos meus máis e os meus menos.
4.– A súa principal eiva?
– Cando a dúbida se torna inseguridade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler; en verán, a ser posible, a carón do mar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Traballar entre libros, como bibliotecaria, e ter tempo libre para facer todo o que me gusta.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Soa a tópico, pero creo que sería vivir sen ter amado.
8.– Que lle gustaría ser?
– Postos a pedir, física cuántica no Gran Colisor de Hadróns. Alucínanme eses avances que semellan ciencia-ficción.
9.– En que país desexaría vivir?
– Aquí estou moi ben, incluso a pesar das falcatruadas de quen mandan. Non obstante, non me importaría pasar unha tempada polo norte de Europa ou nalgún lugar exótico e remoto de Asia ou África.
10.– A súa cor favorita?
– Gústame o verde, na súa infinda paleta para vestir a terra e o mar.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As camelias das camelias en flor. E tamén a flor das cerdeiras.
12.– O paxaro que prefire?
– Cando era pequena tiven un xílgaro e dende aquela gárdolles un especial agarimo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Quizais non pareza moi académico, pero encántame Agatha Christie. Abráiame que en libros que producía practicamente en serie non perdera o fol para manter a atención do lector en case ningún.
14.– E na poesía?
– Neste terreo, xa pasei por diferentes amores. Agora pérdome cos versos de Bernardino Graña, por exemplo. Temos un mar en común.
15.– Un libro?
– Un só? Os Contos orientais, de Marguerite Yourcenar; Las semanas del jardín, escritas por un círculo de lectores (Juan Goytisolo, en realidade) ou Cousas, de Castelao. Pero quedan tantos no tinteiro…
16.– Un heroe de ficción?
– Bastian Balthasar Bux, coprotagonista da Historia Interminable.
17.– Unha heroína?
– Talvez, Éowyn, a única muller da triloxía do Señor dos Aneis que é quen de pasar á acción e non quedar á espera dos acontecementos.
18.– A súa música favorita?
– A de raíz, a que nace do pobo, nas rúas, nas festas, afastada de pazos, teatros ou macroconcertos. E, entre todas, a música galega.
19.– Na pintura?
– Cada época ten o seu aquel. Do que aprendín na escola, gústame Velázquez, con eses claroscuros.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Na vida real os heroes e heroínas adoitan ser anónimos, como eses pais e nais desempregados que buscan o xeito de que os seus fillos non pasen necesidades, os preferentistas que van todos os días a pedirlle ao banco que lles devolvan os seus aforros, ou as persoas que se enfrontan a enfermidades coma o cancro.
21.– O seu nome favorito?
– Porque non hai moitas, vou mencionar Teolinda. É o nome da miña avoa.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Ao principio, non soportaba a quen empregaban as novas tecnoloxías pola rúa e se illaban do mundo: auriculares nas orellas e un móbil na man no que teclear sen mirar ao arredor. Se non escoitas nin miras, o mundo pode atropelarte, ou? Mais agora é xa tan habitual…
23.– O que máis odia?
– Odio é unha palabra moi forte. Diría, mellor que odiar, que desconfío do fanatismo e desa xente que non dubida nunca.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Desprezo é outra palabra igualmente forte. Quizais citaría ao Bruto, que me cae un pouco mal por traizoar ao Xulio César, quen sempre fixo o que lle petou, aínda que era un peixe de coidado e seguramente máis apto a desprezos que o primeiro.
25.– Un feito militar que admire?
– Lembro con certo divertimento aquel informe rimbombante sobre a toma da illa de Perejil, pero de aí a admirar un feito militar… Ao contrario, avogaría pola desaparición dos exércitos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A constancia. Ás veces ando escasa dela.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De vella. Na miña cama. E que a xente dixera «morreu coma un paxariño».
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– En xeral, son unha persoa tranquila.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non fan mal a ninguén. Roer nas uñas, chegar tarde aos sitios, escoitar reggaeton… Ben, o do reggaeton non o teño tan claro.
30.– Un lema na súa vida?
– Voume quedar con aquilo de que “nunca choveu que non escampara”.”