A lúa da colleita. Críticas de Susana Sánchez Arins e Marga do Val

Desde A Sega:
Susana Sánchez Arins: Anxos Sumai convida-nos, segundo a informação da contracapa, a acompanhar as férias da protagonista do seu romance A lúa da colleita. Aquelas que iam ser umas simples semanas de descanso, anuncia, acabarão sendo algo mais. A protagonista, Nuria, questionará-se tudo quando a rodeia, até o ponto de duvidar que é realidade que é ficção.
Justo aí encontrei eu o problema.
Renxe-me a personagem de Nuria. Não acaba de entrar-me. Não acabo de acreditar na sua existência. E já sei que é ficção, mas a essência do jogo está em eu acreditar pessoas as personagens, vidas as tramas, lugares os decorados. E Nuria renxe-me. (…)
E Anxos Sumai remexeu tudo isso em mim e logrou fazer-me ver que não sempre é possível perceber onde a necessidade do re-encontro com nós mesmas. Que não sempre é possível aceder à espoleta que faz rebentar mudanças. Que não sempre é possível atender com plena consciência às búsquedas persoais. Que não sempre é possível deixar migalhinhas de pão para que outras, nós mesmas, as sigamos. (…)

Marga do Val: Anxos Sumai é unha autora que me interesa moito, non só polo magnífico uso da lingua, polo ensarillamento da lírica na súa prosa, por suposto ledicias para a lectura, interésame por esa arquitectura que vai construíndo con imaxes, polos espazos labirínticos que nos obriga a transitar cando a lemos, ese mundo onírico, atmosfera de marabilla e de aversión. Interésame sobre todo a soidade que habita nas personaxes que (con)moven os seus textos, unha soidade que nos convida a estar con Anxos de Garda que resiste no arquivo da Melodía de días usados, que en Así nacen as baleas faísca como voaxa e ocupa todos os recunchos, porque o nacer das baleas convértese na morte de Ramón e asolaga o relato, esa terríbel inocencia que (se) destrúe, que anega e/ou expulsa, que obriga ou convida ao camiño, un camiño imposíbel de compartir. Unha vertixe. Mais nas súas obras non se pode pensar en que é o azar o que provoca esa señardade, en que é unha condena externa, falamos dunha busca das personaxes, na soidade de quen vai limpando carreiros con conciencia, de quen se mergulla para buscarse, unha soidade que dialoga coa daquel rianxeiro que foi Manuel Antonio e que falou co seu doppelgänger naquel poema “Ao afogado” (…)”.