Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Mariña Pérez Rei:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A lealdade?
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que compartan o seu tempo comigo.
4.– A súa principal eiva?
– A falta de paciencia. Falta moito cuestionario?
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, escribir, camiñar ou tocar un instrumento.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A tranquilidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non ter amigos. Non ser quen de facelos, mellor dito.
8.– Que lle gustaría ser?
– Mellorar o que son sería suficiente.
9.– En que país desexaría vivir?
– Galicia está moi ben.
10.– A súa cor favorita?
– Verde, é a cor mais bela, a cor da esperança. Cántao Cesária Évora.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa amarela loce ben, sen desmerecer outras.
12.– O paxaro que prefire?
– Para comelo ou para oílo cantar? É chanza: a min gústame moito o corvo. Unha vez tivemos un amestrado na casa, de pequenos. Teñen moi mala fama pero son moi elegantes…
13.– A súa devoción na prosa?
– Moitos, non son de grandes ídolos. Mencionaría algún contista preferentemente. Destes que destilan a esencia e te deixan pensando moito tempo.
14.– E na poesía?
– Nas mesmas. Leo de todo. Pódeme encantar tanto ler a Ángel González coma a Symborska ou a Cunqueiro. Son un pouco depredadora nese sentido. Preciso lelos e que me deixen un bo sabor de boca.
15.– Un libro?
– Só un? Difícil, vou citar Opiniones de un payaso, de Böll.
16.– Un heroe de ficción?
– Supermán, xa postos…
17.– Unha heroína?
– A moza xornalista de Supermán.
18.– A súa música favorita?
– Escoito moita música. Agora mesmo talvez me quede con vocalistas femininas de jazz, e tamén escoito moita música galego-afro-luso-brasileira.
19.– Na pintura?
– Non me importaria ter un Dalí pola casa. Nin un Lugrís ou un Laxeiro, é un falar…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Meus pais valen de heroes…
21.– O seu nome favorito?
– Pilar.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A farsa.
23.– O que máis odia?
– A mentira.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O Ditador.
25.– Un feito militar que admire?
– Só en misións humanitarias…
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A ubicuidade. As veces, ándolle de preto.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Rápido. Sen parafernalias nin despedidas. Logo se cadra arrepíntome, pero…
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A decepción nuns casos, noutros un interese desmedido por comprender a vida.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os cualificados de “ humanos”, digamos a covardía, o medo. O talento botado a perder.
30.– Un lema na súa vida?
– Buscar a miña liberdade como persoa.”