Nimbos sobre Barna, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“(…) Tras acomodarme no cuarto da Residencia de Investigadores, fun ao encontro da causante de que alí estivese, a profesora Malores Villanueva, unha das máis brillantes estudosas da súa xeración, docente nos últimos anos na Universidade de Barcelona.
Agardábame unha gratísima sorpresa: Malores non esperaba soa, acompañábana outras dúas colegas, amigas de meu dende hai anos, as tamén docentes Helena González e María Xesús Lama. Todos catro compartimos conversa e tivemos ocasión de nos poñer ao día de non poucas cuestións de grande interese para o bo goberno da literatura e, particularmente, da crítica galega.
Á tarde, 18:00 h., achegueime ata o Edificio Josep Carner da UB para impartir unha conferencia aos universitarios sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, sobre quen tivera a oportunidade de ver unha moi interesante exposición preparada na biblioteca da Facultade de Filoloxía pola profesora Villanueva.
O relatorio discorreu placidamente e conseguimos crear un ambiente de franco e ilusionante diálogo entre o público asistente e os que na mesa estabamos; a saber: Villanueva, quen oficiou de presentadora e moderadora do acto, o profesor Basilio Losada, por quen tiven a honra de ser presentado e a quen puidemos oír valiosos xuízos a propósito da figura e importancia de Díaz Castro, e eu mesmo, que intervín por espazo dunha hora ante un auditorio no que se contaban, amais de activos e ben formados alumnos, compañeiros de oficio como a referida Mª Xesús Lama, Joaquim Ventura ou Camilo Valdehorras.
A sesión completouse cun amplo recitado dos versos de Nimbos por parte de varias alumnas e alumnos da Secció de Estudis Gallecs i Portuguesos, momento en que compareceu outra das agradables sorpresas do día: un deses discentes, o médico Xavier Sierra Valentí, achegou o recitado dos poemas diazcastrianos traducidos ao catalán, ofrecendo aos presentes unha copia encadernada dunha xenerosa escolma das composicións vertidas á lingua de Llull, traballo que se suma, así, e completa o que hai anos levara a cabo impecablemente Vicent Berenguer por dúas veces (1995 e 1997). (…)”