Xulio Pardo de Neyra: “A literatura pornográfica é exquisita, se é boa”

Entrevista a Xulio Pardo de Neyra en Faro de Vigo:
“- Faro de Vigo (FdV): É vostede mesmo quen cualifica Intensa e quente é a túa humidade azul como “a primeira novela pornográfica da literatura galega”, pero na editorial onde a publica, Edicións Positivas, existe a colección Narrativas Quentes dedicada a un tipo de literatura que, máis ou menos, vai por eses vieiros. Que diferenza hai entre as novelas que se publicaron nesa colección e a súa novela?
– Xulio Pardo de Neyra (XPdN): Se exceptuamos non poucas cantigas galegas medievais, onde se fala explicitamente de sexo através do trazado dunha imaxinería certamente elocuente, si é esta a única proba literaria con este carácter; desde logo, atendendo ao modo narrativo, Intensa e quente é a túa humidade azul é a primeira novela pornográfica da literatura de Galiza. E no resto de autores engaiolados pola maxia do erotismo (e quero citar agora a Méndez Ferrín ou a Isidro Novo, a quen así mesmo admiro), talvez as imaxes alusivas ao sexo sexan tamén máis suaves, máis mornas e portanto con menor voltaxe en tanto a tender á expresión explícita do sexo. O que diferencia a miña novela das outras que se publicaron na colección Narrativas Quentes acaso sexa que, nas outras, o erotismo é máis suave, máis suxerente e menos bravo, menos explícito que do que acontece na miña obra. (…)
– FdV: Os protagonistas da súa novela son unha muller nova e un home maior. Por que non ao revés ou por que non un home ou unha muller de (máis ou menos) a mesma idade?
– XPdN: Polo mesmo que os protagonistas de Anna Karenina son unha muller madurecida casada e un home máis ou menos da súa idade, ou os de Lolita son unha nena e un home maior. Simplemente escollín esas franxas etarias para situar unha historia de amor e de sexo . Atraeume a historia do cazador cazado e do antiheroe; isto é, un home que non representa a enerxía e a viveza, a cor e o brillo dun home xove, ben formado e cun corpo coidado; un home que se dedica a cazar mulleres e que, finalmente, é cazado polo sentimento amoroso de que tanto refugaba. (…)”