Parlamento das Letras: Anxos Sumai

Entrevista de Armando Requeixo a Anxos Sumai no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Anxos Sumai (AS): Están vivas, e iso é marabilloso. Como lectora alégrame entrar nunha librería, follear os libros con tranquilidade e asegúroche que sempre atopo algo que me interesa, cousa que non acontecía deica hai poucos anos. Aparecen poemarios, ensaios, novelas…, con propostas temáticas e formais distintas. Así que o valoro positivamente, como lectora, porque me gusta elixir e non ter que limitarme a obras impostas polos premios literarios ou pola crítica ou polos escaparates das librerías.
Como bibliotecaria gústame poder cuantificar a produción anual, consciente de que o número non sempre supón calidade pero sei que é un camiño cara á normalización. Tamén me parece importantísima a aparición de novas editoriais que, malia a crise, teñen a valentía de publicar obras difíciles de editar neste momento. E, evidentemente, é tamén un bo sinal o aumento das traducións ao galego. Neste sentido, e xa como autora, boto en falta a tradución das nosas obras a outros idiomas.
Hai outras cousas que boto en falta, como escritora, lectora e bibliotecaria: parece que só escribimos para nós, fáltanos a ansia de escribir para o mundo enteiro, sen traizoar as claves culturais que nos aleitan e fan máis fortes, xusto por ambición universal, as voces persoais. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AS: Como dixen antes, paréceme interesante para a lectura, pola cantidade de obras que se poden ler, pero é un chisco frustrante para quen escribe, pola cantidade de obras ás que non terán acceso as persoas que len porque será difícil que sexan publicadas. Cousas do mercado literario.
Creo que perdemos moitos anos de investimento en lectura e mesmo teño a sensación de que vivimos unha mentira, de que alguén nos enganou, como se canda o boom inmobiliario se crease un boom cultural para acalmar conciencias. Dóeme ser consciente de que iso é certo, de que fluíron moitos cartos que non se dedicaron a formar lectoras e lectores libres. Non se investiron nunha industria cultural sa. De todas formas, debo dicir que, se non houbese ese investimento público en edición, seguramente a min nunca me chegasen a publicar. De novo, un sentimento contraditorio.
Creo firmemente nas escritoras e nos escritores de hoxe que traballan, sen dirixismos, construíndo. Daquela, deixemos que o fagan á súa maneira. E non falo en primeira persoa porque me considero intoxicada pola cultura da transición, pola impostura de soñar un pais holográmico. As novas literatas, os escritores, deberían crear non na posición de quen resiste, senón na ousadía de quen avanza. Xa soñamos abondo, é tempo de construír. (…)”