Entrevista de César Lorenzo Gil a Xosé Ballesteros en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Nunha entrevista en Biosbardia, Moisés Barcia explicaba que o libro para nenos, como obxecto, está menos ideoloxizado, que a xente o compra sen preconceptos, que nin tan sequera importa que o cativo sexa ou non lector. Que opina deste comentario?
– Xosé Ballesteros (XB): Os libros para nenos están tan ideoloxizados coma calquera outro produto cultural. Como exemplo, a enorme oferta que existe no mercado de literatura-lixo para os máis pequenos, convertidos en consumidores de propostas ñoñas, edulcoradas, que non cumpren os mínimos estándares de calidade. Vivimos baixo o imperio da concentración editorial que está ao servizo dos grandes monopolios mass-media. Kalandraka forma parte dun pequeno número de editoriais independentes que traballan a prol da formación dos bos lectores de hoxe para que cheguen a ser os bos lectores do futuro. (…)
– B: Outra ponla moi importante do proxecto foi o cómic. A banda deseñada en galego apenas consegue a normalidade. Vostede ten pensadas as causas desta “lentitude” a respecto doutras propostas editoriais?
– XB: É outro exemplo do minguado que é o mercado do libro galego, e máis aínda para este xénero en concreto, a pesar da enorme calidade e do recoñecemento internacional conseguido polos autores e ilustradores galegos: Miguelanxo Prado, David Rubín… Agardamos que os proxectos editorias que existen no país sexan quen de manterse. (…)
– B: É obvio que a industria cultural galega está a vivir horas moi baixas. Desde a súa experiencia, que pasos se deberían dar para evitar aínda máis a súa degradación?
– XB: Mentres non haxa un cambio de política cultural non haberá ningunha posibilidade efectiva de mellora. O problema é que os actuais responsables políticos negan que esteamos en caída libre en todos os sectores que conformamos a cultura galega. Mais a realidade é que a nosa cultura está enferma e cómpre sandala para que poida ter futuro. Cómpre asumir a situación cunha diagnose obxectiva para deseñar políticas de futuro, porque non abonda con vender fume.
Poñer en marcha a Lei do Libro, aplicar unha política de xestión bibliotecaria integral e impulsar medidas de choque para a recuperación do uso da lingua en todos os ámbitos da sociedade son medidas imprescindibles para acometer ese cambio dun xeito decidido. Se a nosa lingua se fala menos, será cada vez menor o número de lectores e, por conseguinte, a oferta cultural empobrecerase de forma galopante até extremos de extinción.
As compras de libros publicados en lingua galega por parte das institucións veñen sufrindo recorte tras recorte. De aí que moitos títulos publicados nestes últimos anos xa non se poidan ofertar nas bibliotecas públicas; o mesmo ocorre coas axudas á tradución. Hoxe por hoxe unha editorial galega non pode vivir do “amparo institucional”.
Aínda así, existen colaboracións positivas en proxectos concretos. (…)”