Xosé Ballesteros, cofundador de Kalandraka, homenaxeado en LIBER 2026 pola súa traxectoria editorial

Desde Nós Diario:
“A Xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) decidiu que LIBER 2026 homenaxee o galego Xosé Ballesteros Rey, cofundador e director xeral de Kalandraka Editora, polo seu percorrido profesional e pola súa contribución ao sector editorial. A federación salienta especialmente o seu traballo no ámbito da literatura infantil e xuvenil, así como o seu compromiso coa edición de calidade, a creación literaria, a tradución e a promoción da lectura.
A homenaxe terá lugar o 30 de setembro no Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC), en Barcelona, durante a Gala LIBER. O acto forma parte da programación da 44ª Feira Internacional do Libro, LIBER 2026, que se desenvolverá do 29 de setembro ao 1 de outubro.
Xosé Ballesteros Rey é editor, escritor, tradutor e especialista en literatura infantil e xuvenil. Cofundador de Kalandraka Editora en 1998, exerce desde entón como director xeral da editorial, que recibiu en 2012 o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu un catálogo centrado na edición de calidade e na difusión da literatura para públicos de todas as idades. Tamén dirixe os selos Cuatro Lunas e Faktoría K de Libros, integrados na estrutura de Kalandraka, cuxo catálogo supera os 800 títulos. Algúns destes libros recibiron recoñecementos tanto no Estado como a nivel internacional.
Como autor, publicou obras como Talego, gañadora do Premio Manuel García Barros de Novela en 1993. Na literatura infantil destacan títulos como O coelliño branco, Tío Lobo e Imaxina Animais, traducidos e publicados en diferentes países. A súa actividade tamén está ligada á tradución. Entre outros traballos, editou numerosos libros para a infancia e, no ámbito da literatura para adultos, unha antoloxía poética de Fernando Pessoa que recibiu en 2015 o terceiro Premio Nacional ao Mellor Libro Editado.
Ballesteros mantivo ademais unha ampla actividade institucional en representación do sector editorial. Foi presidente da Asociación Galega de Editoras entre 2016 e 2020 e vogal da Xunta Directiva da FGEE entre 2018 e 2021. Así mesmo, formou parte do xurado do Premio Princesa de Asturias das Letras en varias edicións. Con esta homenaxe, LIBER 2026 pon en valor unha traxectoria estreitamente vinculada á edición, á creación literaria e á difusión da lectura, especialmente entre o público infantil e xuvenil.”

Compostela: XXII Simposio O Libro e a Lectura. A distribución do libro galego, o 18 de setembro

É necesario inscribirse no correo s.tecnica@editorasgalegas.gal

Pontevedra: Culturgal 2022, do 24 ao 27 de novembro

A Asociación Galega de Editoras regresa de Liber e Frankfurt cun balance positivo, e lamenta a falta de apoio por parte da Xunta de Galicia

A Asociación Galega de Editoras regresa á Feira Liber con stand propio e coa participación de trece selos editoriais

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras participa un ano máis na Feira Internacional do Libro LIBER, que se vai celebrar do 5 ao 7 de outubro, en Barcelona. A AGE contará con stand propio, posto a disposición das editoriais asociadas desprazadas á feira para desenvolver a súa axenda de traballo e presentar unha selección de novidades e do seu fondo bibliográfico: Hércules de Ediciones, Edicións Positivas, Alvarellos Editora, Kalandraka, Baía Edicións, Editorial Galaxia, Xerais, Ediciones del Viento, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Editorial Bululú, Tulipa Editora.
A Asociación Galega de Editoras distribuirá no seu espazo exemplares do catálogo para venda de dereitos que deseñou para levar á feira internacional do libro de Frankfurt, e xa está dispoñible para a súa consulta no perfil de expositor da AGE na LIBER. Conta cunha selección de títulos de libro ilustrado, literatura para adultos, cómic, LIX, ensaio, teatro e poesía das editoriais: Hércules de Ediciones, Edicións Positivas, Alvarellos Editora, Kalandraka, Baía Edicións, Editorial Galaxia, Xerais, Ediciones del Viento, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Edicións Embora e Editorial Bululú.
A tradutora María Alonso Seisdedos e Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, participan no programa de actividades da LIBER. Na xornada do venres, 7 de outubro, María Alonso Seisdedos compartirá a mesa redonda “1922, el año mágico: Joyce, Woolf, Proust” con Valèria Gaillard, tradutora ao catalán; Itziar Hernández Rodilla, tradutora ao castelán. Organizada por ACE Traductores e moderada pola tradutora e profesora da UAB, Ana Alcaina, celebrarase o venres ás 12:30 na Sala 1.1. do recinto Gran Vía da Fira de Barcelona.
Cando se cumpren cen anos da publicación de varias obras que cambiaron o rumbo da literatura universal nun contexto político e económico convulso cuxos ecos resoan no presente, esta mesa ten a finalidade de reflexionar sobre o que supón traducir hoxe en día a autoría como James Joyce, Virginia Woolf ou Marcel Proust.
Á mesma hora, na sala 1.3. terá lugar a mesa redonda “La librería sin librerías: sobrevivir al cambio digital”, na que participan Xosé Ballesteros, editor de Kalandraka; Enrique Pascual, director de Librerías Marcial Pons e presidente do Gremio de Librerías de Madrid; Mireia Valencia, libreira de Finestres. A mesa foi organizada por PublishNews. Antonio Martín, fundador da PublishNews, Cálamo&Cran e divulgador, encargarase de moderala.
Ante as boas cifras de vendas de libros nos últimos anos, abren novas librarías e mantéñense moitas en plena crise. A mesa redonda analizará como lle está a afectar o mercado dixital á libraría tradicional, que opcións adoptan as librarías, editoriais e lectoras/es; que solucións se poden atopar para manter as librarías, ou se os lectores compran en liña, se se debe actualizar o papel da libraría.
Reoñecida nestes 40 anos como unha das principais citas feirais para a edición en español, LIBER reúne a máis de 350 editoriais e empresas que darán a coñecer os seus fondos bibliográficos e novidades, así como produtos e servizos relacionados coa comercialización e distribución de libros. Ademais, a feira, promovida pola FGEE, conta cun amplo programa de xornadas profesionais para debater e reflexionar sobre a actualidade sectorial unida á cadea de valor do libro.”