Carlos Negro: “A poesía ten que fuxir da solemnidade para se achegar a novos públicos”

Entrevista de Carme Vidal a Carlos Negro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): No libro [Penúltimas tendencias] fai mención explícita de que vai dirixido a un público concreto, mozas adolescentes. Por que escribe para elas?
– Carlos Negro (CN): Sempre partimos do que se vive e eu son profesor e teño moitas mozas alumnas, rapazas que son lectoras e pareceume un destinatario interesante desde o punto de vista emocional. Makinaria era un poemario moi masculino e, por contraste, o reto era meterme na pel dunha moza nesa idade difícil da adolescencia. Interesábame como viven o mundo da publicidade, da imposición da beleza. (…)
– SG: Por que é singular escribir poesía para a mocidade?
– CN: Como dicía Fran Alonso nunha intervención, estamos inventando o xénero. Poden ler poetas clásicos ou modernos mais parecíame unha posibilidade inmensa que persoas coma min que estamos a carón de adolescentes podamos pensalos como destinatarios. O reto é atopar unha linguaxe contemporánea, que resulta críbel sen caer na impostura. O máis difícil foi atopar a voz, que fose natural, fluída, que se lea como a voz dunha moza e que se esqueza que detrás hai un home. Busquei unha voz feminina, contraditoria e rabuda. Trátase dunha moza que se fai preguntas, a primeira, quen quere ser e se revela contra as persoas que lle din como ten que ser.
Imposicións como o amor romántico, os modelos sexistas… continúan a consagrar a desigualdade e os estereotipos. Quen quero ser neste libro é esa moza que loita contra todo iso. (…)
– SG: Alén diso, vostede foi o autor do manifesto da AELG deste ano para a conmemoración do Día de Rosalía, que desta volta se promocionou con graffitis incluídos.
– CN: Cada vez é máis obvio que Rosalía fala cara o futuro. Canto máis achegamos á literatura ao mundo contemporáneo, mellor a entende o alumnado. Rosalía é un clásico porque permite continúas relecturas. A emigración é Rosalía e é o século XXI que nos tocou vivir. A súa voz é libre e os seus versos son berros para graffitear nas paredes por iso os rapaces a senten próxima. (…)
– SG: No libro hai unha recreación do poema Longa noite de pedra, como fixo no seu tempo o colectivo Ronseltz.Vostede acaba de dicir que fuxe da solemnidade da poesía, síntese herdeiro deles?
– CN: Non tanto nas formas, xa que eu non teño esa actitude paródica, mais si creo que hai unha conexión na antisolemnidade, no antiacadémico. A poesía ten que luxarse as mans, meterse no mundo que lle tocou vivir, lonxe de mensaxes crípticas e elitistas. Síntome herdeiro deles tamén no sentido de ser algo dadaístas, calquera pode ser artista e intentalo. A poesía ten que fuxir da solemnidade se se quere achegar a novos públicos. (…)”