Propostas con premio: O Gran Reino, de Eduardo Santiago, premio Jules Verne de literatura xuvenil 2014

Entrevista de Ramón Nicolás a Eduardo Santiago en Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Sinalou que a novela [O Gran Reino] se xera nunha reacción ao boom das novelas xuvenís de mundos paralelos, por que?
– Eduardo Santiago (ES): A primeira versión escribina hai sete anos. Daquela as miñas fillas eran dúas adolescentes de doce e quince anos e eu lía todos os libros que lían elas, porque gustabamos de intercambiar opinións. De súpeto decatámonos de que estabamos a ler sempre a mesma historia con distintos personaxes.
– RN: E a vinculación co ocorrido coas novelas de cabalerías de finais do XVI?
– ES: Ocorréuseme que podería haber un paralelismo co Quixote e as novelas de cabalerías de finais do século XVI. Unha nena intelixente e problemática que se puxera a ler compulsivamente este tipo de literatura podería desenvolver un certo afastamento da realidade como lle sucedera ao cabaleiro castelán.
– RN: Ao que parece, penso que en O Gran Reino hai elementos que se vinculan coa súa anterior obra publicada…
– ES: A protagonista segue a ser unha moza que, neste caso, chega a crear todo un mundo imaxinario ao seu xeito, como unha metáfora do principio creador feminino. As rapazas que formaron parte do xurado comentáronme que elas estaban convencidas de que esta novela escribíraa unha muller. Non daban creto cando descubriron que o escritor era un home. É a maior gabanza que me fixeron na miña vida. (…)”