David Pobra: “Escribir non é só cousa de grandes mentes, porque toda persoa ten o seu lado creativo”

Entrevista de Montse Dopico a David Pobra en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Xa tiñas publicados relatos e poesía. Esta é a túa primeira novela [Liña azul]. E non é nada simple.
– David Pobra (DP): Ten a súa complexidade, si. Tamén tivo o seu tempo. Comecei a escribila no ano 2006-2007, a raíz de empezar a colaborar en Vieiros, con artigos sobre a galeguidade en Barcelona. A partir diso escibín un relato. Tiña un paseo longo en metro, na liña azul precisamente… O relato tivo bastantes comentarios e entón decidín continuar. Só que engadín algo: a xente que comentaba tiña que darme ideas, que eu ía recollendo. A proposta tivo éxito, nese momento apareceu o personaxe do detective… e así foi. Un par de anos despois decidín darlle unidade e convertelo en novela. Mais escribir unha novela sempre é un traballo máis duro, que require dunha constancia… e non tiven tempo ata o ano pasado, que tiven menos alumnos.
– MD: Cando comezamos a ler parece unha novela negra, protagonizada por un detective un pouco parvo. Pero non é iso. É parte do xogo?
– DP: É buscado, si. Non quixen facer unha novela negra, nin moito menos. Aínda que si son lector de novela negra. Mais tiña moi claro que ía ser algo máis como as novelas de Vila-Matas, por exemplo. Unha novela literaria, ou metaliteraria, como queiras chamarlle. O malo da novela metaliteraria é que ás veces cae na autocompracencia, na autoreferencialidade e faise un pouco espesa. Eu non quería escribir un libro con demasiado contido teórico, que só puidese interesar a un público especializado. Quería facer todo o contrario. Entón, a novela negra é un molde que me serve para facer o que quería. Por iso xa desde o comezo hai avisos para o lector: un narrador que se identifica co detective… O personaxe do detective tómase moi en serio a si mesmo, quere ser un tipo duro, pero é un paspán. E o narrador omnisciente lévalle a contraria, ri das parvadas que fai. (…)
– MD: De fondo, hai certa crítica do mercado literario, non si?
– DP: Como membro de Estaleiro que son si teño unha visión crítica sobre moitas cousas. Defendo que haxa outras canles, que tamén teñen que existir. Porque ás veces publicar en ter padriño ou sen ter nome pode ser bastante difícil. Eu mesmo non conseguín publicar ata que gañei un premio. E ademais en Estaleiro non publican membros de Estaleiro. Publicamos textos que nunha editora grande non estarían. (…)”