Cuestionario Proust: Inma López Silva

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Inma López Silva:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– O optimismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Hai varias, pero sobre todo, a intelixencia, a temperanza e posuír unha certa agudeza emocional que non todo o mundo ten.
3.– Que agarda das súas amizades?
– A confianza mutua.
4.– A súa principal eiva?
– Un certo mal xenio que tarda en aparecer pero… en canto o fai, faise notar.
5.– A súa ocupación favorita?
– Teño tres, que tiven a sorte de converter en oficios. Escribir, ensinar e ir ao teatro. (Todas elas, en maior ou menor medida, conlevan a lectura, que non considero tanto ocupación coma estilo de vida).
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir onde queira e como queira.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a miña filla.
8.– Que lle gustaría ser?
– Se con esta pregunta te refires a ese soño hipotético, imposíbel de cumprir porque nunca fixeches nada por tentalo pero forma parte das túas paixóns e aspiracións secretas, cantante de ópera, sen ninguna dúbida.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na República de Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– O verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– Os que se comen.
13.– A súa devoción na prosa?
– O Quixote, Tristram Shandy e Rabelais, sempre. Logo teño moitas devocións que mudan por épocas; agora mesmo Murakami, Alice Munro, Gioconda Belli, Susan Sontag; por aquí últimamente gusto moito de Xabier López. E déixame contar o teatro coma prosa: Shakespeare, sempre; Cándido Pazó, Juan Mayorga, Victor Haïm, Heiner Müller, Sarah Kane. Levo fatal este tipo de preguntas.
14.– E na poesía?
– Sigo ecléctica. Joan Margarit e Miro Villar. Dependendo do estado de ánimo, San Juan de la Cruz e Manrique. Os sonetos de Shakespeare e os de Camões. A T. S. Eliot volvo sempre, igual ca á nosa Rosalía e a Cunqueiro.
15.– Un libro?
– Non podo dicir un só libro. Remítome as dúas respostas anteriores que, sen dúbida, xa contestei de maneira indebida por incontinente.
16.– Un heroe de ficción?
– Indiana Jones.
17.– Unha heroína?
– Circe.
18.– A súa música favorita?
– Calquera cousa que fixeron os Beatles.
19.– Na pintura?
– Kandinsky, Chagall, Magritte.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Mata Hari.
21.– O seu nome favorito?
– Sofía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O exceso de confianza en todas as súas modalidades.
23.– O que máis odia?
– Tres cousas: a ignorancia fachendosa, a cobiza ególatra, a autoridade sen auctoritas.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Deixando á parte aos dirixentes fascistas e os seus axudantes en todas as súas modalidades, hai un ser desprezábel do que non sempre se fala o suficiente: o Cardeal Richelieu.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolución de Sierra Madre e a liberación de Cuba.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A elegancia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Non me gustaría morrer.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Animoso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A impaciencia, a inseguridade e o medo.
30.– Un lema na súa vida?
– Carpe diem.”