Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Marica Campo:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– O pesimismo que, por certo, procuro non comunicar.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A nobreza.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me queiran como son, a pesar de min.
4.– A súa principal eiva?
– A facilidade con que perdo a calma.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler e conversar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A harmonía con e entre todas as persoas que me rodean, froito do respecto pola independencia de cadaquén.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ver sufrir ás persoas que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Verdadeira en todo o que fago.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza que se quixese a si mesma.
10.– A súa cor favorita?
– Para vestir, o negro. En xeral, o azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A hedra. Ben sei que non é unha flor.
12.– O paxaro que prefire?
– O merlo (branco, claro!).
13.– A súa devoción na prosa?
– De aquí, Cunqueiro. De fóra, Marguerite Yourcenar.
14.– E na poesía?
– Rosalía e Alejandra Pizarnik.
15.– Un libro?
– Memorias de Hadrián, de M. Yourcenar
16.– Un heroe de ficción?
– Gösta Berling
17.– Unha heroína?
– A comandanta de Ekeby.
18.– A súa música favorita?
– A clásica (Mozart e Bach sobre todo) e tamén, ademais da popular galega, fados, tangos e boleros.
19.– Na pintura?
– Primeiro Kandisky e despois a maioría dos surrealistas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Rosa Parks.
21.– O seu nome favorito?
– Alexandre e Oria.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de limpeza.
23.– O que máis odia?
– A mesquindade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A todos os ditadores e torturadores.
25.– Un feito militar que admire?
– As misións de paz son feitos militares?
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Cantar ben.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– En paz e sen sufrimento.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Depresivo, mais disimulo e rescátome.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que só prexudican a quen os ten.
30.– Un lema na súa vida?
– Non incharme diante dos humildes nin abaixarme diante dos soberbios.”