Parlamento das Letras: Cesáreo Sánchez Iglesias

Entrevista de Armando Requeixo a Cesáreo Sánchez Iglesias no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
– Cesáreo Sánchez (CS): Tentei habitar a poesía con distintas poéticas. Un poeta non ten só unha poética, pois escribir poesía é pensar as emocións musicalmente. Unha delas é o dialogar coa natureza coma ser humano, coa natureza que é antes de ser vivida polo home. Outra é a poética da historia que o home de xeito colectivo, que non anónimo, creou en territorios concretos humanizándoos culturalmente e que así se volveron míticos. A Ribeira Sacra, a Costa da Morte, os Camiños a Compostela. E a poética do amor que atravesa todas. E quizais algunha da que non son consciente, ademais dos poemarios que xeran as miñas viaxes e que son froito dunha aprendizaxe da soidade. (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– CS: Creo que lle falta o recoñecemento social do papel que ten na construción da nosa identidade coma pobo, de depositario da alma colectiva, da patria. Creo que ten un grao de normalidade que é superior á normalidade cultural ou social do propio país. A nosa literatura sempre estivo atenta ao devir da historia, en cada tempo de noso. Sobrar sóbranlle os que non as aman, que nos di Bernardino, os que impiden a normalidade do noso idioma e en consecuencia da nosa literatura. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CS: Ten a rica tensión creadora de todo momento en crise. A calidade da escrita do noso idioma mellorou moitísimo. Os novos e novas escritoras tan brillantes son o relevo xeracional que xa chegou. Queimáronse etapas necesarias en moi pouco tempo. Todo isto acontece cando a nosa industria editorial está a ser afogada e está baixo mínimos, o noso teatro, que dá a altísima calidade cultural da nosa sociedade, está a ser pouco a pouco extenuado, o noso idioma está a perder a transmisión aos máis nenos.
– AR: Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
– CS: Como continuación da pregunta anterior, e dígoo desde a convicción, a nosa literatura será máis forte que os que non a aman, e volvo a Bernardino. Unha nación que ten unha cultura milenaria, con raíces tan fondas, sobrevivirá aos que a negan, sobreporémonos a este tempo tan difícil.”