Xosé Iglesias: “Todo mariñeiro leva un poeta dentro”

Entrevista a Xosé Iglesias en Vivir na Coruña:
“(…) El sempre sentiu o pulo de escribir. “Gañei algún concurso no instituto pero deixeino”. Non foi ata hai tres anos, despois de participar nun obradoiro da Asociación Escritoras e Escritores en Lingua Galega, adicado ao mar e á figura de Urbano Lugrís e impartido por Xurxo Souto, cando decide facer caso a esa necesidade interior. “Mandábanos deberes para escribir, foi o momento clave para comezar a sacar para fóra isto que había moito tempo que quería sacar”. Dende entón escribe, inspirado polo variable Mar Ártabro, ben sexa no móvil ou nun dos cadernos que ten pola cabina do seu barco. Así naceu Transfusión Oceánica (Caldeirón, 2014), o seu primeiro libro, composto por 36 poemas, acompañados doutras tantas ilustracións de Roberto Castro Iglesias. Nel, Xosé fala da metamorfose de home en barco, con versos como “as miñas costelas son cadernas/ e todo en min forma un esqueleto naval”. O poemario divídese en tres partes, etapas da vida de Xosé: Gran Sol, Lobos de Mar e Baixura. Mentres o escoitamos falar, imos saíndo pouco a pouco do refuxio do porto de Oza, navegando no seu barco, deixando a Boia do Chino a estribor e a Pedra das Ánimas a babor. Seguimos ao ralentí, que “o motor dun barco é coma unha muller, non hai que aceleralo”. (…)”