Entrevista a Ramón Vilar Landeira en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A estes relatos úneos unha crise de fondo, pero tamén o humor e, no medio, unha luz de saída.
– Ramón Vilar Landeira (RVL): Si. Son relatos descarnados. Están influenciados polo momento económico no que se xestaron, especialmente crítico porque están concibidos sobre o 2009 e escritos a maioría en torno ao 2010, 2011… Era un momento complicado tamén no sector do xornalismo, pero en xeral en todos: víao en amigos, veciños e compañeiros… xente que se quedaba sen traballo… Iso deriva en moitas crises, tamén persoais. Así que Os televisores estrábicos non é un libro da crise económica, senón dos procesos todos da vida, a cal ten cousas boas e duras. Os relatos, dalgunha maneira, tratan de contar que, por moito que queime, a vida hai que pelexala, disfrutala… (…)
– LVG: Xornalismo, relatos, anda a voltas cunha novela… ¿Que é peor?
– RVL: Teñen razón tanto os que din que o relato é máis complicado como os que din que o é a novela. Para min a novela é de corredor de fondo, de paciencia… ¡Digo eu, porque non escribín ningunha, eh! O relato é máis explosivo: podes ter a idea clara nuns días e ir facendo. Os grandes relatos, que non son os deste libro [ri], están á altura da mellor novela, non son un xénero menor: os de Raymond Carver, Alice Munro, Ferrín… O xornalismo gústame, e sigo colaborando, pero a literatura dáche a perspectiva de escribir sen présa, sen a ditadura do día a día, que tamén queima.”