É tal a pegada que está a ter o Ano de Díaz Castro que Xermolos sente a necesidade de afondar nesta fortuna de poder celebrar ó poeta de Guitiriz. Xa a comezos dos 80 viviu intensamente algo semellante, a recuperación de Díaz Castro, que vivía en Madrid xa esquecido ata polos veciños. Cando retorna colabora con Xermolos que converte nun dos seus fogares ata o seu pasamento. Coa designación do Día das Letras Galegas, Xermolos, aínda reforzou a súa experiencia de como tiñan que multiplicar o esforzo para que o poeta tamén fose lido e coñecido máis alá… Pero o proceso foi marabilloso en todos os sectores da poboación, a comarca sentiu intensamente a beleza dos versos do autor de Guitiriz, e houbo unha fervenza creativa en todo o país. Agora coa campaña Letras sempre: De Díaz Castro a Manuel María, quere compartir a súa vivencia deste ano con todo o país, porque considera que en todas as comarcas, hai escritoras e escritores que cómpre ler e coñecer, ó pé da casa en toda Galicia… Coma a Díaz Castro, considéraos verdadeiros monumentos literarios, coma os castros, igrexas con valor artístico, as paisaxes, etc… Máis alá da designación da autora ou autor da Festa das Letras pola Academia, cada comarca debe celebrar sempre ás e os seus cantores. Xermolos está en contacto con asociacións e centros de ensino de varias comarcas para seguir achegando o legado de Díaz Castro, mesmo o vindeiro ano nos 25 anos do seu pasamento. Esta campaña comezou o sábado 6 de setembro no XXVIII Festival da Poesía en Salvaterra do Miño, cun concerto de A Quenlla dos versos de Díaz Castro, Manuel María e outr@s poetas, e rematará o 12 de setembro do 2015, na XXXVIII Romaxe de crentes galegos en Penas de Rodas de Outeiro de Rei.
A andadura deste ano inspirou a Xermolos varias actividades que vai suxerir a institucións coma asociacións e centros de ensino, así o Certame Escolar de creación audiovisual Nimbos de Luz, dado o número de gravacións que este ano recibiu para o Certame Terra Chá, ou a Festa da Fala que celebrou no San Alberte… Vai potenciar a Casa das Palabras onde se conserva o legado de Díaz Castro, para que en todas as comarcas se faga outro tanto c@s seus autores.. Apostou pola cultura de base, a que protagonizan cada día as mulleres e homes do noso pobo, principiando polos máis novos, convencidos de que moitas institucións so manipulan as esencias do pobo coma unha pantalla que escurece as angueiras creadoras das e dos “bos e xenerosos”.”