Marga Romero: Novos datos para a biografía de Rosalía de Castro

ArtigoMarga do Val de Marga Romero en Sermos Galiza:
“Hai uns poucos anos a Familia Tobío, que ten unha páxina na rede, fixo públicos dous manuscritos de grande importancia da autoría de Luís Tobío Campos, Memorias, que se inicia en 1883 e Crónica de la familiaA Crónica que comeza en Viveiro en 1905 vai anotando datos significativos da familia, o matrimonio, o nacemento de cada fillo e filla, nove, quen van ter a súa correspondente ficha, en que se dá conta das enfermidades da infancia, do crecemento, do peso e dos seus estudos. Hoxe xa non se atopan estes textos na rede, eu léraos daquela, inducida pola biografía do primeiro fillo do autor, Lois Tobío Fernández; lin, sen o facer ben, as Memorias que estiveron aí para o público. Hoxe teño copia destes textos pola xenerosidade da familia. Foi o estudo da escrita do Eu o que me achegou de novo a eles, o que me obrigou a determe nas Memorias e ficar abraiada.
Deixarei para outro momento a análise deste texto, en que o autor decide escribir para lembrar os acontecementos máis notábeis da súa vida. Escritas entre o 4 de novembro de 1883, día en que cumpre 23 anos, e 1938, ano da derradeira anotación que fai referencia ao mal estado de saúde, a nota anterior é de 1931, data da súa xubilación;  o autor morre en 1943 en Compostela. Nas primeiras páxinas, achega o vivido máis importante até 1883, despois escribirá o máis notábel por anos. Comeza o relato baixo o título, “Mi nacimiento y linaje”, e é aquí cando fala dos seus devanceiros cando nos proporciona un dato que eu creo de suma importancia, cando fala da súa avoa paterna que aínda vive, María Josefa Martínez, filla de Miguel Martínez e Manuela Viojo: “Un hermano de esta abuela llamado José fué capellan mayor de la colegiata de Iria (y padre natural de la popular escritora Rosalía Castro, de Padrón, esta tal Rosalía tuvo un hermano que murió en la infancia, y está actualmente casada con el historiador Murguía.)”.
Na anotación que corresponde ao ano 1885 sinala que “el 15 de julio falleció Rosalía Castro Murguía, a quién había visitado en el día de la pascua 5 de marzo en Padrón; la tisis puso fin a los días de la insigne cantora de Galicia. (…) El parentesco que comigo tiene fue causa de que yo procurase conocerla, a cuyo fin le había escrito hace como dos años, a cuya carta contesto. Este día (5 de mayo) me regaló su retrato y su última obra En las Orillas del Sar”.
Que o pai de Rosalía de Castro sexa José Martínez Viojo, como semella probado,  e que Luís Tobío Campos chegase a visitar a Rosalía de Castro, son datos que non aportan nada novo, mais a existencia dun irmán da poeta morto na infancia, mudaría moito as cousas. Non sabemos o que hai de certo, nestas palabras escritas, tampouco tiña ningunha razón pola que mentir ou fabular, poida que se trabucase e que a súa memoria de 23 anos o enganase. Descoñezo este feito. (…)”