As redes de Inés, de Elvira Riveiro, por Eli Ríos

Artigoelvira_riveiro_tobio de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) Porque tamén, hai (vou dicir unha obviedade) mulleres creativas, con imaxinación e que non desexan ser executoras, dilixentes reproductoras nin dóciles instrumentos sen vontade. E Elvira Riveiro móstranos na súa obra, As redes de Inés, que outra realidade é posible desde idades temperás.
Na etapa infantil, a poesía é un xoguete sonoro cheo de cores que non está condicionado por normas gramaticais e lóxicas. Simplemente é un elemento lúdico do que gozar. Neste proceso de xogo ábrense os camiños da inventiva pero, ao mesmo tempo, incorpórase léxico novo, contribúese á adquisición da linguaxe e refórzanse os lazos afectivos e referenciais. Lembremos que a linguaxe é o recurso primordial para comunicarse cos demais. Adquirila non só é obter os elementos que a constitúen senón, tamén, os mecanismos para usala e, desta forma, conseguir unha inserción positiva na cultura e na lingua da contorna. Se, neste período de aprendizaxe orientado a que as experiencias vitais das nenas e dos nenos se amplien e diversifiquen, só se presentan situacións nas que as nenas non se reflictan estaremos escabezando toda posibilidade de ofrecer exemplos diversos que favorezan a imitación de modelos lingüísticos e sociais cos que sentirse identificadas. Ao mesmo tempo, aprenderémoslle aos nenos a continuar un sistema como o que mencionaba Gianni Rodari na cita anterior.
As redes de Inés é un poemario que nos leva, da man de Inés, a coñecer o oficio das redeiras e a ser ” capaz de ler/historias salgadas/ que me fan crecer” porque ” o mundo é maior/ cando escoito a Inés”. E, non só se contan as aventuras do avó Olegario ou do tío Miguel senón as da avoa Esmeralda, a súa nai Rosa( “redeira tamén”), “a historia da solla”, “o conto da nena/ que quixo facer/ un traxe coas redes”, a ” da moura/da praia de Bens” ou a da lúa. Personaxes femininas próximas (a nai, a avoa, Inés) que fan cousas máxicas como “virar en arte/ o seu quefacer”, falan cun “sorriso de mel” ou converten “as ondas/ nun gran consomé/ e ten redes de ouro/que estende aos seus pés”. Mulleres nas que proxectar a imaxinación e desfrutar cos xogos de palabras, co ritmo, coas personificacións, coa cadencia,…, sen o alleamento do xénero. Sentíndose parte e protagonistas da lectura. (…)”