Armando Requeixo: “Para un libro ruín non hai crítica máis feroz ca o silencio”

EntrevistaArmando Requeixo de César Lorenzo Gil a Armando Requeixo en BiosBardia:
“- BiosBardia (B): Vostede desenvolve o seu labor como crítico nos medios de comunicación. Que diferenzas encontra a respecto da crítica académica ou en publicacións moi especializadas?
– Armando Requeixo (AR): O crítico literario é un lector autorizado, cunha competencia lectora superior grazas á súa experiencia ou coñecementos na materia. A súa misión é valorar dun xeito máis ou menos subxectivo un texto, unha crítica que sirva para informar o público potencial dunha obra literaria. O analista ou investigador literario estuda os textos dun xeito académico. Fai unha valoración obxectiva. En troques de valorar, enuncia hipóteses de traballo. Resumindo, ambas figuras comparten o seu labor de mediadores. No primeiro caso entre os produtores literarios e os lectores; no segundo caso entre os autores e o canon literario que todo sistema debe ter.
Teño analizado este tema en diferentes foros. Para quen queira profundar, recoméndolle que lean o texto que escribín (“Crítica galega. Problemática e actitudes”) sobre este asunto no número 168 da revista Grial, publicado no cuarto trimestre do 2005. (…)
– B: Que cambios notou na súa propia maneira de facer crítica desde primeiros da década do 1990, cando empezou?
– AR: Fun aprendendo, non tanto o que cómpre facer coma o que nunca debe facerse. Para min un ensino fundamental foi decatarme de que dun bo libro ten de se falar sempre para dálo a coñecer, dunha obra con luces e sombras convén ocuparse tamén para amosar a perspectiva propia sobre os acertos e as melloras posibles, pero dun texto ruín non debe dicirse palabra, pois non hai crítica máis feroz que o silencio. O espazo público que se nos dá aos críticos é demasiado precioso como para desperdicialo ocupándose de subprodutos. (…)
– B: Falemos de literatura: É vostede dos que pensa que vivimos unha Idade de Ouro, unha Idade de Alcatrán ou unha Idade de Miseria, con poucas obras publicadas. Pode engadir outra idade?
– AR: Nin unha cousa nin a outra nin todo o contrario. Vivimos na Idade da Fronteira, cun sistema que se está redefinindo constantemente nun mundo moi cambiante, con sistemas extraliterarios que interseccionan con este e fan que se reconfigure a gran velocidade: o político, económico, social, cultural, lingüístico ou o mediático en xeral e o “internetiano” en particular, por exemplo. Por tanto, nalgunhas cousas estamos peor que noutros tempos outras xa as perdemos e noutras máis progresamos francamente ben. O presente é complexo, o futuro incerto. Se hai vontade de sermos e de avanzarmos, andaremos o camiño. (…)
– B: Os premios literarios son vistos arestora como a maneira máis doada de publicar; xa nin importa tanto o gaño monetario dos certames. É entre os aspirantes aos diferentes galardóns que está o magma máis substancioso das nosas letras?
– AR: A miña experiencia dime que todo segue importando: o prestixio do galardón –é fácil que bos orixinais concursen en premios con longa tradición– pero tamén o premio en metálico (isto é matemático: a maior dotación, maior participación) ou o nome da casa que publicará a obra distinguida e se esta é comercial ou institucional. Os premios seguen a ser un viveiro de novas voces e, sobre todo os que se convocan para xente moza, un espello bastante fiel de por onde poden ir os vieiros futuros da nosa escrita. (…)”