Entrevista de Carme Vidal a Antón Dobao en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Os relatos de As ilusións estrañas recrean o mundo da aparencia, dunha realidade normal na súa cotidianeidade que desemboca en episodios desacougantes.
– Antón Dobao (AD): A ilusión é unha palabra polisémica que reflicte ben o que conta o libro. Fai referencia efectivamente a esa primeira aparencia que ten a realidade, con moitas capas das que se ve só unha, fai referencia á ilusión óptica coa que os nosos sentidos se enganan e tamén á fantasía. Na miña escrita hai unha reflexión arredor da necesidade de tomar contacto co que está máis alá da aparencia, do que vemos. (…)
– SG: A condición humana é entón materia literaria privilexiada na súa escrita?
– AD: Os materiais para a construción literaria son múltiples e a maior parte deles inesperados. Son froito da observación e o contacto coa realidade alén da reflexión arredor da nosa condición como humanos, da nosa propia existencia. Supoño que é unha reflexión que moitos autores poden facer en relación coas experiencias máis íntimas. Son materiais moi diversos e procedentes de múltiples lugares, mesmo literarios ás veces, e xogos intertextuais. (…)
– SG: Desde 2008 non publica, mais neste tempo elaborou e dirixiu varios filmes. Como se relacionan na súa traxectoria a creación literaria e audiovisual?
– AD: Compleméntanse ben porque do que se trata é de contar. Proveño do mundo da literatura, como lector e escritor e a miña participación no cine ten moita relación con esa orixe. Síntome moi escritor cando fago o guión, dirixo ou monto unha película. Esas películas formaban parte dun proxecto que relacionaba a literatura, a lingua e o audiovisual. En todas as cinematografías do mundo vemos que a adaptación literaria é un recurso habitual e enriquecedor, as dúas creacións retroaliméntanse.
– SG: Algúns dos relatos son especialmente visuais. A linguaxe do cine meteuse na súa obra?
– AD: A estas alturas non se entende a escrita sen que as imaxes se aparezan como unha pantalla de cine ou televisión porque xa nacemos e nos educamos no cine. En certos relatos nótase de maneira especial desde o punto de vista formal no tratamento de personaxes, en planos superpostos, en escenas que se alternan, en multiperspectivas…”