Antón Dobao: “O poder, o mando, aliméntase de ocultar as súas múltiples dimensións e as infinitas violencias que nestas operan”

Entrevista de Montse Dopico a Antón Dobao en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Como en Incertos, os relatos de As ilusións estrañas camiñan cara a finais que non agardamos. Xogas, así, coa incerteza do lector: nada é como se espera. Por que?
– Antón Dobao (AD): Eu entendo a literatura como un xogo de construción colectiva. O autor é un instrumento, pero só un entre moitos. Oxalá que entre multitudes, pero iso non sempre é posible, por diferentes razóns, e non en todos os casos literarias. É ese o xogo que propoño. Eu arrinco e suscito espazos, personaxes, tempos, liñas argumentais, etc., e convido a cada lector a que reconstrúa ese corte do universo que se está propoñendo. Iso implica que, a pesar de que o final de cada relato sempre ten certa intención conclusiva, quede aberta a posibilidade de múltiples interpretacións de todo o que vai ocorrendo polo camiño, dos antecedentes dos personaxes, das intervencións dos azares ou das causas, todas esas cousas que na miña interpretación fan da literatura o que é.
Aí, aos lectores e lectoras propónselles que participen no xogo de construción de todas esas historias. E, se así o desexan, que continúen máis alá das conclusións ou que se perdan por zonas polas que os relatos non transitan, ás que apenas aluden… Creo que se nun texto literario este xogo é posible, o texto está cumprindo as funcións para as que foi concibido. Máis aló destas consideracións, penso que o feito de que procuremos navegar por múltiples dimensións da realidade pide dalgunha maneira finais que en certa medida sexan sorprendentes, que aposten contra o que se agarda. Deixar que o conto estoupe nun final que, sendo inesperado, non sexa caprichoso nin aleatorio nin violente a súa propia lóxica interna. Talvez sexa tamén unha maneira de manter sempre a persoa que le implicada no xogo. Desde logo, é así mesmo unha maneira de incidir na estrañeza do real en relación coa aparencia que estamos obrigados tantas veces a vivir.
– MD: Hai moita violencia nos relatos. Nas relacións personais, nas laborais (personaxes frustrados por ese motivo)… Ademais é unha violencia que tende a agocharse. Por que?
– AD: Non sei se a violencia nos constitúe. Dicía Engels que é a parteira da historia. Está aí. Sempre está. E é multiforme. Amósase con todas as variedades que poidamos imaxinar. Hai unha violencia máis animal, máis ligada ao instinto de supervivencia e ás necesidades da especie. Esa é, normalmente, unha violencia moi visible, moi evidente e, nese sentido, talvez a menos perigosa, aínda que non deixa de causar dor. E existen tamén outros tipos de violencia, dunha violencia moi cruel. Son violencias necesarias para que o poder se perpetúe, violencias que expresan lugar e intereses enfrontados de agresores e agredidos nunha escala de relacións de produción, e por tanto de poder e de sometemento. Violencias de agresión e violencias de resposta. Violencias de ataque e de defensa. E hai violencias que están fóra do explícito, que se agochan nos recantos máis escuros, máis alá das aparencias pacíficas e estables da realidade; violencias que constitúen a estrutura do edificio social, cultural, político en que vivimos.
Creo que As ilusións estrañas é un libro no que se pretende camiñar polo medio das múltiples dimensións da realidade e da humanidade. Nese sentido, é inevitable, penso eu, que a violencia estea presente. Moitas clases de violencia, non sei se todas; tanto as violencias instintivas, as que dalgunha maneira fan que un individuo se sinta vivo e poderoso, coma as estrondosas. Pero, sobre todo, as violencias silenciosas, as doces, as profundas, as constantes, as máis deshumanizadoras e agresivas. É imprescindible coñecelas, sinalalas, describilas. (…)”

Tabela dos Libros de novembro, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, velaquí está a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.»

2014_novembro_tabela

Antón Dobao: “O relato esixe exactitude, contención e disciplina literaria”

EntrevistaAntón Dobao de Carme Vidal a Antón Dobao en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Os relatos de As ilusións estrañas recrean o mundo da aparencia, dunha realidade normal na súa cotidianeidade que desemboca en episodios desacougantes.
– Antón Dobao (AD): A ilusión é unha palabra polisémica que reflicte ben o que conta o libro. Fai referencia efectivamente a esa primeira aparencia que ten a realidade, con moitas capas das que se ve só unha, fai referencia á ilusión óptica coa que os nosos sentidos se enganan e tamén á fantasía. Na miña escrita hai unha reflexión arredor da necesidade de tomar contacto co que está máis alá da aparencia, do que vemos. (…)
– SG: A condición humana é entón materia literaria privilexiada na súa escrita?
– AD: Os materiais para a construción literaria son múltiples e a maior parte deles inesperados. Son froito da observación e o contacto coa realidade alén da reflexión arredor da nosa condición como humanos, da nosa propia existencia. Supoño que é unha reflexión que moitos autores poden facer en relación coas experiencias máis íntimas. Son materiais moi diversos e procedentes de múltiples lugares, mesmo literarios ás veces, e xogos intertextuais. (…)
– SG: Desde 2008 non publica, mais neste tempo elaborou e dirixiu varios filmes. Como se relacionan na súa traxectoria a creación literaria e audiovisual?
– AD: Compleméntanse ben porque do que se trata é de contar. Proveño do mundo da literatura, como lector e escritor e a miña participación no cine ten moita relación con esa orixe. Síntome moi escritor cando fago o guión, dirixo ou monto unha película. Esas películas formaban parte dun proxecto que relacionaba a literatura, a lingua e o audiovisual. En todas as cinematografías do mundo vemos que a adaptación literaria é un recurso habitual e enriquecedor, as dúas creacións retroaliméntanse.
– SG: Algúns dos relatos son especialmente visuais. A linguaxe do cine meteuse na súa obra?
– AD: A estas alturas non se entende a escrita sen que as imaxes se aparezan como unha pantalla de cine ou televisión porque xa nacemos e nos educamos no cine. En certos relatos nótase de maneira especial desde o punto de vista formal no tratamento de personaxes, en planos superpostos, en escenas que se alternan, en multiperspectivas…”