Entrevista de Montse Dopico a Afonso Becerra en Praza:
“(…) – Praza (P): “A min máncame ter que empregar o íntimo como contestación social”, dise nun dos textos [Textículos dramáticos e posdramáticos]. E ten bastante que ver co sentido de todo o libro…
– Afonso Becerra (AB): Non é que o libro sexa só iso, pero detrás del si hai esa intención xeral. Ten que ver con que as verdadeiras revolucións teñen que ver coa xente de a pé, coas revolucións micropolíticas que poden acabar salpicando o social. Este é un libro sobre o común. E cando pos o foco sobre o común pode transformarse, mostrarse como algo extraordinario. Nun encontro que pode ser casual atopas elementos fundamentais na relación entre as persoas, que é o que ao final é política: a maneira en que nos relacionamos con nós mesmos e respecto dos demais. (…)
– P: Este libro é como unha segunda parte de Dramatículas (Laiovento, 2010). Con el reivindicas que brevidade da letra, do texto, non é a brevidade teatral, porque a brevidade pode medrar en múltiples accións escénicas. Por que?
– Afonso Becerra (AB): Xa desde o título, Textículos dramáticos e posdramáticos, se fai referencia ao que é. O texto non é o centralizador da acción escénica, non centraliza o sentido do espectáculo. Son textos que bucan ser lidos, estar na mente do lector, pero o que máis desexan é subir a un escenario de teatro. Nas pezas de teatro posdramático, que son ‘Oxitocina’, ‘Teoría e práctica da discreción’, ‘É un dicir’, ‘Ti e un té’, o texto non centraliza o sentido, senón que é un material máis a integrarse na coreografía, a iluminación, a música, os obxectos… ‘Oxitocina’, por exemplo, imaxínoa como unha peza de danza, co texto por exemplo proxectado ou dito cunha voz en off. Neste tipo de textos a lóxica que funciona é máis asociativa que causal. E isto é outra cousa que na dramaturxia galega boto en falta. Eu fíxeno en ‘Crioxénese’, que é un texto que pasou desapercibido. Se te fixas, o teatro posdramático está marxinado nas programacións. O que se programa son pezas con historia e personaxes. Hai programadores que pensan que o espectador galego é parvo, que non vai entender unha peza posdramática. E iso non ten sentido. O teatro ten que vibrarte. Para contar historias é mellor o cine ou a novela. O teatro é empatía, comunicación enerxética, como dicía Artaud. De teatro posdramático falo tamén no último dos textos, ‘É un dicir’, que é teatro da teoría, como xa o era o último de Dramatículas. É un xeito de teatralizar a teoría. (…)”