Entrevista de Montse Dopico a Camiño Noia en Magazine Cultural Galego:
“A profesora Camiño Noia vén de publicar na colección Arte de Trobar do PEN Clube de Galicia Trinta poemas, un libro no que reivindica a Álvaro Cunqueiro como non só un dos grandes poetas modernistas do país, senón como o primeiro en renovar a poesía galega do pasado século. Falamos con ela.
– Montse Dopico: A idea de facer o libro xa viña de atrás, mais foron as pesquisas de Henrique Costas sobre Eliano Ardeanu as que o impulsaron. Como foi?
– Camiño Noia: A miña relación con Cunqueiro xa viña de atrás, da Facultade. Fun alumna de Carvalho Calero e el non o promovía como gran escritor. Cunqueiro tamén era criticado por xente nacionalista, por xente comprometida, que salientaba que se arrimara ao réxime e que dicía que o que escribía era evasivo, fantástico… Así, acabei coñecéndoo antes de lelo. Coñecino en Vigo, na Fundación Penzol, por Francisco del Riego. Era un home tranquilo, amable, boa persoa… Quedei impactada pola persoa e comecei a ler a súa obra.
Pasado o tempo, Quique Costas andaba a investigar nuns poemas que se publicaron no Faro de Vigo como traducións de Cunqueiro, atribuídos a autores descoñecidos. E estaba claro que, por exemplo, ‘O Vagabundo’, que Cunqueiro lle atribuía ao poeta romanés Eliano Ardeanu, retrataba o Cunqueiro que eu coñecera. Era el quen escribía estes poemas. A partir disto xa pensei que había que rehabilitalo como gran poeta e empecei este libro, que fun escribindo aos poucos. Acabei concluíndo que a poesía de Cunqueiro non se coñecía. Os manuais despachan o tema dicindo que era un poeta culturalista, intertextual, con elementos neotrobadorescos… Dise que os renovadores da poesía galega foron Méndez Ferrín, Alfonso Pexegueiro e Arcadio López Casanova, que si o foron, pero ninguén fala de que Cunqueiro había anos que facía poesía moderna, a partir de Pound, de Rilke ou de Eliot. (…)”