Entrevista de Montse Dopico a Jorge Llorca en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Un profesor de historia da arte atopa unha oportunidade de traficar cun Rembrandt e un Stradivarius que pon a proba os seus principios. É unha novela [O violín de Rembrandt] sobre a tentación, a soidade, o engano… Cal é o tema que quixeches subliñar máis?
– Jorge Llorca (JL): “Nada mellor para conservar a cordura, que carecer de oportunidades para perdela”, di o protagonista. Mais, que facer se se presenta a oportunidade?. Velaí o cerne da trama, tan inverosímil como a vida mesma… A resposta ten que dala cada quen, e asumir as consecuencias. Pero mellor ler libro. (…)
– MD: Hai moita arte e moita música na novela, que por outra banda non é sorprendente tendo en conta a túa profesión. Ten algo o libro, nese sentido, de homenaxe ao que dedicas a túa vida -a pintura…
– JL: Sen ser o personaxe un trasunto do autor, é certo que a miña vida profesional ten que ver co mundo da arte, mais o que na novela acontece é cousa do iluso profesor da Academia Atenea. Pero os dous coincidimos en certa “promiscuidade” estética, que no libro é do pouco que se salva, porque “ a beleza, non é o humus onde florecen as orquídeas”. (…)
– MD: A estrutura combina esa narración en primeira persoa con abundantes diálogos. Como a pensaches?
– JL: Penseina en primeira persoa, para que soase máis real, máis próxima, xa que a historia pode semellar bastante inverosímil. Os diálogos deberan contribuír a facer aos personaxes máis cribles e a narración áxil. Quería que esta fluíse, como se di na novela, como a vida mesma, pero a vida está chea de sorpresas e mesmo ás veces semella non ter sentido. (…)”