Xulio Pardo de Neyra: “Escribir literatura pornográfica é un acto de rebeldía, de valentía, que incide na liberdade humana”

EntrevistaXulio Pardo de Neyra de Montse Dopico a Xulio Pardo de Neyra en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): En O nome do arrecendo, o teu libro anterior de narrativa, estaban presentes aspectos que se desenvolven en Intensa e quente é a túa humidade azul: a exaltación dos sentidos, por exemplo. Cal é a continuidade entre ambas?
– Xulio Pardo de Neyra (XPN): A continuidade, loxicamente, vén dada por unha temática semellante, mais non coincidente. Unha temática que dá contas da miña afección e/ou interese pola literatura erótica e pornográfica, que xulgo que non é o mesmo. Os relatos que conforman O nome do arrecendo, escritos hai máis de vinte anos e que despois recuperei do fondo dunha gaveta, veñen expresar unha voz narrativa diversa e diversificada que non entende de xéneros (as voces narrativas son ora masculinas, ora femininas) e que falan, en concreto, sobre do olor, especialmente no espazo do sexual. Son narracións breves eróticas, algunha talvez cunha pouca máis cor polo que ás descricións de actos sexuais se refire, cuxo eixo vertebral é a excitación sexual através do olor.
Si, por suposto, constitúen unha exaltación dos sentidos, e en suma unha exaltación do encontro sexual, onde creo que se deberían pór en xogo todos os sentidos. A continuidade estriba en que se n’ O nome do arrecendo apostaba pola expresividade do sexo non moi convencional, en ‘Intensa e quente é a túa humidade azul’ esta aposta cristaliza plenamente cara á narración dun mundo sexual anti-convencional, e xa non falo de non-convencionalidade, senón de contra-convencionalidade. Non gusto dos convencionalismos, que creo que a todos e todas tentan absorbernos para restarnos calidade e individualidade, para facernos pequenos e ridículos elos dunha cadea minúscula e sen valor que semella estar pendurada do pescozo dun magnate. Xa que logo, particularmente opino que escribir literatura erótica, e moito máis pornográfica, é un acto de rebeldía, de valentía, que unicamente incide na liberdade humana, iso tan difícil de achar e gozar, mais que se pode adquirir con conciencia, creme.
– MD: Como distinguir o erótico do pornográfico? ‘O nome’ sería máis o primeiro, e ‘Intensa e húmida’ máis o segundo. Ou non importan tanto as etiquetas?
– XPN: As etiquetas importan do punto de vista dese ánimo clasificatorio que caracteriza o labor das persoas, si. Con efecto, penso que O nome do arrecendo pertence máis ao erotismo, heteroerotismo, erostismo lésbico e homoerotismo, isto é, todo o erotismo que se resume no maxín dunha persoa. Intensa e quente… é, embora, pornografía literaria, si. Como distinguir unha achega da outra? Eu xulgo que cando en literatura se atende a actos sexuais de forma explícita e co léxico que adoitamos usar nun encontro sexual, estamos de fronte a algo pornográfico. O erótico recréase máis en mornedades, en suavidades, é máis pacato do punto de vista de que trata asuntos sexuais sen mostralos tal cal son, sen deixar libre a excitación que todos e todas sentimos cando fodemos e sen, claro, se valer do código que prima nos encontros artellados en redor do sexo. (…)”