Cuestionario Proust: Calros Solla

DesdeCalros Solla o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Calros Solla:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Gústame crer que son irredutíbel.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A transparencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade e comprensión.
4.– A súa principal eiva?
– Son humano.
5.– A súa ocupación favorita?
– Esborranchar papel.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ser dono do meu tempo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a memoria.
8.– Que lle gustaría ser?
– Un superheroe a tempo parcial.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza liberada (e en galego).
10.– A súa cor favorita?
– A do roibén.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As orquídeas.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporrubio. Se aceptamos aves, o moucho.
13.– A súa devoción na prosa?
– O realismo máxico. Os ensaios que enxalzan a galeguidade.
14.– E na poesía?
– As vangardas e a poesía social.
15.– Un libro?
O Ciprianillo.
16.– Un heroe de ficción?
– Xesús de Nazaret.
17.– Unha heroína?
– Afrodita A.
18.– A súa música favorita?
– AC/DC, The Pogues, Jimi Hendrix, Aretha Franklin, Suso Vaamonde, Eric Clapton, Vieja Trova Santiaguera, Heredeiros da Crus, Sés, A Quenlla, Viñalar Fantastic Band, Siniestro Total, Michael Nyman, Vangelis, Gwendal, Luar na Lubre, Os Chichisos de Pontevedra…
19.– Na pintura?
– A arte rupestre, H. Bosch, P. Brueghel o Vello, Valdés Leal, Laxeiro, Caravaggio, Frida Kahlo, Maside, Van Gogh, Picasso, Dalí, Warhol, Lugrís, Munch, Seoane, Paco Sutil…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os meus pais.
21.– O seu nome favorito?
– Nome propio (top.): Abelaíndo. Nome común: saramaganta.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O conformismo, a apatía.
23.– O que máis odia?
– O autoodio.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera servidor público corrupto e/ou autoritario.
25.– Un feito militar que admire?
– A resistencia meduliana.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don de linguas.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De repente e a pé de obra.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Preparado para construír.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos, se hai vontade de emendalos.
30.– Un lema na súa vida?
– “Facer é o mellor xeito de dicir” (J. Martí).”