Manuel Núñez Singala: “Sempre me chamou a atención o pouco aprecio que os galegos nos temos a nós mesmos”

EntrevistaManuel Núñez Singala de Montse Dopico a Manuel Núñez Singala en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Son relatos moi breves [Instrucións para tomar café]. Algúns de só dúas liñas. Por algún motivo especial? Parecen escritos en pausas. Fuches escribíndoos en distintas épocas? Como foi o proceso?
– Manuel Núñez Singala (MNS): Todos os relatos, non só os meus, parten dunha idea, dunha intuición, dun estímulo, dunha reflexión. Hai ideas, intuicións, estímulos ou reflexións que poden xerar historias moi longas, pero outras exprésanse mellor con poucas palabras, as xustas. Ás veces leo algunha novela ou vexo algunha película á que lle sobran páxinas ou metraxe e síntome estafado. É verdade que unha idea nuclear pode dar lugar a unha narración extensa, rica e interesante, a historia da literatura ou do cinema están chea de exemplos diso. Pero tamén hai mostras —son as menos— de narracións inchadas que ao meu xuízo gañarían de seren transmitidas con maior brevidade. Creo que isto se aprecia moito mellor no caso do cine que tende a ser moi pouco maleable en canto á extensión. É verdade que hai curtas, pero a inmensa maioría das producións andan polos cento vinte minutos, e esa rixidez de formato en ocasións, e só en ocasións, pasa factura. Cada historia pide unha extensión determinada.
Eu só escribo en pausas. Xa me gustaría poder dedicarlle moito máis tempo á literatura. Pero como a inmensa maioría dos escritores (de aquí e de fóra) o traballo, a familia, os compromisos, a mesma vida… só me permiten escribir en pausas. Pero o feito de facelo así non condiciona en absoluto a extensión do escrito, son dous aspectos moi diferentes. Ningunha novela se escribe de tirón por moito tempo de que se dispoña e mesmo os relatos máis breves sofren ás veces procesos de reelaboración que levan varias xornadas. E si, os relatos foron escritos en épocas distintas, aínda que non nun período moi longo. Un microrrelato é como unha chispa, un fulgor que xorde cando un menos o espera. E como sempre se escribe sobre o que a un lle preocupa, sobre aquilo que a un lle interesa ou conmove ou perturba ou emociona, dese xeito non é difícil que un conxunto de relatos acabe condensándose nunha masa coherente susceptible de dar corpo a un volume unitario. (…)
– MD: En Libro de instrucións hai retranca sobre os tópicos arredor dos galegos, (que non sabemos se subir ou baixar, etc). Mais tamén algo de autocrítica (non valoramos o noso, etc). Canto peso ten esa autocrítica e a que quixeches apuntar con ela?
– MNS: O tópico do galego na escaleira que non se sabe se sobre ou baixa sempre me resultou molesto, non polo tópico en si, senón polo feito de que os galegos o aceptemos en xeral como un defecto, coma unha eiva, cando non ten en absoluto por que ser así. A miña intención era darlle a volta, de feito ese relato no primeiro borrador figuraba noutro lugar e dicía así: “Cando vexo a alguén que non é galego nunha escaleira sempre me sorprende o fácil que é saber se sobe ou baixa. Que falta de misterio e poesía!”
Creo que os galegos precisamos unha reelaboración do noso concepto identitario, que non estea tan baseado na opinión que os outros poidan ter de nós, senón nunha visión máis nosa, máis propia. As nacións máis ricas e prósperas do mundo teñen todas un factor común: a autoestima. Algo do que nós andamos moi necesitados. Cómpre que poñamos en valor o que posuímos e que sexamos conscientes diso. Un exemplo é a choiva. Aquí chove, e moito máis que noutros sitios. Pero iso proporciónanos unha paisaxe vizosa que é un patrimonio no que moitas veces non reparamos ou que descoidamos con desleixo; iso dános unha rede fluvial marabillosa que deberiamos coidar e poñer en valor con moita máis enerxía. Porén queimamos o monte e temos os regatos e os ríos convertidos en vertedoiros. E si, hai moita autocrítica, porque tamén temos moitas cousas que me parecen criticables. (…)”