Entrevista a Rafael Lobelle en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Cres que a poesía ten unha forte dependencia dos premios? Son os premios realmente a base para a publicación dunha obra poética? Porque supoñemos que ti, amante do libro en papel, serás consciente de que as editoras non apostan pola lírica, a non ser que esta veña avalada…
– Rafael Lobelle (RL): Para un autor que comeza, é moi difícil abrise camiño sen o aval dun xurado ou de outros autores xa recoñecidos que lle dean, digamos, a súa bendición. Sen contactos en editoriais, sen amigos escritores, sen cartos para autoedición, só cunha primeira obra entre as mans que pode ser así e todo de gran calidade, non abonda, quedará posiblemente relegada a un caixón. Os premios son unha oportunidade para abrise camiño, por suposto, máis que nada pola transcendencia pública que teñen, en especial entre a xente que permanece atenta ás novidades que van sendo avaladas polos premios. En poesía os premios son importantes tal e como está o panorama editorial galego, en narrativa a cousa cambia, hai máis vendas, máis negocio, máis posibilidades de publicar e a dependencia dos premios é menor.
Se eu teño dependencia dos premios? mirando a miña traxectoria por suposto. Isto non sei se é bo ou malo mais todo o meu currículo literario ata o de agora foi presentado a premios ou certames aínda que estes non supuxeran a publicación. Son un estímulo a seguir para un rapaz que comeza a escribir. Por suposto que o feito de ser recoñecido ou non cun premio non debe ser unha traba a seguir escribindo, unha obra premiada depende moito dos gustos persoais dun determinado xurado máis alá da súa capacidade crítica á hora de decidir. (…)
– NG: Andar ás apóutegas, a obra coa que gañaches o Avelina Valladares poderiamos dicir que é unha obra moi persoal, un percorrer vital da persoa, un percorrer vital cíclico… Por que este existencialismo nunha persoa nova coma ti?
– RL: Sempre fun eu unha persoa moi filosófica, moi autorreflexiva. O existencialismo, en canto corrente filosófica, supón unha actitude vital consciente moi complexa, aí está por exemplo toda a obra (e a biografía) de Camus para demostralo. Eu quizais non sexa de xeito consciente un existencialista filosófico, si alguén impregnado do saber da Terra, dos falares dos vellos, tamén de certos saberes da Historia da Filosofía cos que me identifico. Quizais haxa certo resaibo pesimista na miña escrita, porque eu son un pesimista no sentido de gramsciano do “pesimismo da razón, optimismo da vontade”. O pesimista filosófico anticípase á desgraza e prepárase para ela e aínda no mellor dos casos, evítaa. Dubida de todo antes de pasalo polo prisma da razón, da ética, desconfía dos falsos ídolos, dos cantos de serea e bailes de serpes. En realidade, no fondo, como dicía Saramago “o pesimista é un optimista pero ben informado”. (…)”