Finou Francisco Carballo, Bo e Xeneroso

AFrancisco Carballo Asociacion de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer público o seu pesar pola morte do escritor Francisco Carballo, nomeado no ano 2012 Bo e Xeneroso pola Asemblea de Socios e Socias.
A concesión deste premio quixo ser recoñecemento, tal e como consta na acta lida pola Secretaria Xeral, Mercedes Queixas, «ao exemplo de firme e irrenunciábel compromiso ético coa historia de Galiza, personificado en don Francisco Carballo, quen, ao longo de máis de corenta anos participou, coa súa investigación histórica e a súa imprescindíbel reescrita, xunto ao seu activismo, en dotar de contidos vertebradores a realidade social e cultural de Galiza, o que o converte hoxe nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto. O seu diálogo constante cos lectores, a través do ensaio e do incansábel colaborar en medios xornalísticos, en especial A Nosa Terra, da que foi membro fundador en 1977, ofrécenos claves e miraxes superadoras de cegueiras e deformacións ao redor da historia dos vencidos.»
Palabras de agradecemento a un traballo incansábel de construción da nación que o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, recompilou para Francisco Carballo e para todas as persoas que o arrouparon neste acto celebrado no Museo do Pobo Galego:
Homenaxeamos hoxe un Bo e Xeneroso, un dos que día a día e en cada tempo histórico de vagariño fundan a nación, como nos lembra o noso himno nacional.
Reunímonos hoxe aquí en homenaxe a un dos homes que constrúen á par que contan e fan a luz sobre a nosa memoria colectiva. Un dos que, de alma xenerosa, entregan á terra dos galegos e das galegas a bondade do seu traballo, do seu coñecemento, coa fortaleza da humildade como valor inmenso.
Dinos o Profesor Francisco Carballo:
«Galiza é a miña patria. Nela acumúlanse sentimentos familiares e de pertenza a un colectivo. É a miña referencia: a terra nai en si e a súa cultura.»
Desde esta referencia aproxímase ao noso ser colectivo. É un historiador que nos di:
«Precisamos liberarnos dunha historia imposta e coñecer a propia historia de Galiza.»
Francisco Carballo foi fillo do humanismo e da Ilustración. Dela deixou dito que os ilustrados reivindicaron Galiza como reino de cultura e lingua propias, e levouno a afirmar que moitos galegos están colonizados ou asimilados. «Ora ben, outros galegos non o estamos. Sería fonte de vida e de ilusión darse de conta de que (os galegos e galegas) son un astro por si mesmos.»

Na nosa memoria sempre.

Os seus restos mortais serán soterrados en Salamanca a segunda feira, 1 de decembro, segundo informa Sermos Galiza.