Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Eduardo Santiago:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O optimismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que perduren no tempo.
4.– A súa principal eiva?
– A inxenuidade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non ter que depender de ninguén.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ter que depender de alguén.
8.– Que lle gustaría ser?
– En xeral estou contento con ser quen son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun sen fronteiras.
10.– A súa cor favorita?
– Non teño cor favorita.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Calquera que excite a miña imaxinación.
12.– O paxaro que prefire?
– Descoñezo que razóns pode ter unha persoa para preferir un paxaro en concreto. Eu, dende logo, non teño ningunha.
13.– A súa devoción na prosa?
– Todas as novelas que me achegan ideas novas, ou ideas vellas con enfoques diferentes.
14.– E na poesía?
– Todos os poemas que conseguen que me emocione.
15.– Un libro?
– Non, todos os libros.
16.– Un heroe de ficción?
– Non teño ningún.
17.– Unha heroína?
– Na ficción hai tantas que sería interminábel citalas a todas.
18.– A súa música favorita?
– A que me fai vibrar, sexa do xénero que sexa.
19.– Na pintura?
– O surrealismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as mulleres que loitan por un mundo xusto.
21.– O seu nome favorito?
– Non teño nomes favoritos.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A hipocrisía.
23.– O que máis odia?
– O inimigo interior.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Houbo moitos homes na Historia que merecen o meu desprezo. Éme difícil escoller só un.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún en concreto. Valoro na súa xusta medida todos os que contribuíron á derrota do fascismo no século XX.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A fermosura.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor e, a ser posíbel, sen me decatar.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A serenidade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia, pero só cando non é atrevida.
30.– Un lema na súa vida?
– Non teño lemas, nin sequera o de vivir sen lemas.”