Parlamento das Letras: Luís González Tosar

EntrevistaLuís González Tosar de Armando Requeixo a Luís González Tosar no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Luís González Tosar (LGT): Fáltalle sexo. Blanco-Amor foi o primeiro, como el dicía, que recolleu na súa escrita que as mulleres tiñan seos e os homes falos. Isto, aínda que semelle unha boutade, é un feito contrastable, que fala da esmagadora influencia de xeracións e autores moi pacatos. A literatura galega segue a ser cousa de señoritos, comedidiños e apañadiños, nada escandalosos. Agora é cando empeza a haber xente nova libre de complexos e desinhibida.
Para min, ás letras, en xeral, nunca lles sobra nada. Pero unha cousa é chegar a facer literatura e outra moi distinta quedarse na escritura. Hai moito escribidor, moita ansia de triunfar, o que é lícito, pero o talento… (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– LGT: Andamos como sempre: imos cos tempos. Agora un pouco máis adiantados, porque a xente está mellor formada, fala e le noutras linguas, viaxa máis e as novas tecnoloxías póñennos ao día. Antes iamos a remolque, aquí todo chegaba tarde. Iso cambiou. O que me entusiasma, o que anima enormemente son as singularidades. Igual que tivemos, e seguimos tendo, unha pléiade de escritores galegos e de orixe galega que engrandeceron as letras iberoamericanas (Lino Novás Calvo, Paco Luis Bernárdez, González Carvalho, Juana de Ibarborou, Nélida Piñón, César Aira, Claudia Piñeiro…) distínguennos unhas individualidades que xa son literarias de seu, como, por poñer un só exemplo, Elías Portela, poeta en galego, políglota e un dos mellores escritores islandeses, moi coñecido alí como Elias Knörr. Quen llo dera a outros que levan gastado moitísimos cartos na proxección exterior. (…)”