Daniel Landesa: “Criaturas quere reunir, dar un lugar á experiencia que hai neste país arredor da literatura infantil e xuvenil”

EntrevistaCriaturas de Marcos Pérez Pena a Daniel Landesa en Praza:
“(…) – Praza (P): Semella, simplemente á vista dos problemas que tivestes na vosa web, que hai fame por unha revista como esta. Como valorades o recibimento que tivestes?
– Daniel Landesa (DL): Non sabemos se fame, o certo é que cremos que Criaturas responde a un baleiro que nós notabamos. Non queremos erixirnos en nada, hai portais que realizan un labor impresionante en canto a divulgación da nosa literatura dende hai bastante tempo. Malia todo, non atopabamos ningunha publicación que se dedicase en exclusiva ao ámbito da literatura infantil e xuvenil. Escollemos o formato web para Criaturas e polo de agora esa vai ser a canle na que debemos crecer. É certo que nós fomos quen primeiro se sorprendeu ao ver a acollida da páxina, tan boa que nos fixo caer da rede en tan só dous días e medio (polo de agora está felizmente solucionado). Esta resposta de visitantes a nosa chamada de presentación do número cero encheunos de felicidade, para que negalo, mais debemos ir con pés de la. Presentámola no Culturgal, que é un lugar idóneo para que un proxecto pequeno pero ambicioso coma este teña a máxima difusión. Somos conscientes de que, por desgraza, non hai unha feira destas condicións todos os meses. Se vale unha analoxía, lanzamos un foguete ao aire e veu todo o mundo á festa, agora temos que conseguir que volvan e ademais a gocen. (…)
– P: A quen se dirixe Criaturas?
– DL: Non é unha revista infantil. Contámolo porque xa houbo quen nos preguntou. Mais tampouco é unha revista académica. Trátase dunha publicación de divulgación. Cremos que pode ser unha ferramenta de moita utilidade para persoas que traballan con actividades de promoción da lectura, profesorado, persoal de bibliotecas, nais e pais interesadas en achegarlles novas lecturas ás pequenas e aos pequenos. Nacemos, ou quixemos nacer, como proxecto aberto coa intención ser un lugar onde non só dar visibilidade a autoras e autores, senón tamén todo o bo traballo que se está a facer no mundo da edición, da tradución, da ilustración, etc. (…)
– P: Podemos dicir que a LIX en Galicia goza de boa saúde?
– DL: A saúde actual de calquera cousa que teña que ver coa cultura, e coa nosa cultura en particular, ten que partir dunha análise moi intensa. Quizais dende as editoras poderían dar mellor resposta ca nós a esta cuestión. Podemos falar de sensacións; a literatura infantil xuvenil do noso país ten unha enorme calidade, ten consumidoras e consumidores. Ademais hai diferentes iniciativas ao longo do país que fan da lectura un valor engadido, dicímolo pensando no labor enorme que se fai dende moitas bibliotecas e centros de ensino. Falar de boa saúde danos certo respecto, quizais deberíamos dicir que temos síntomas de saúde, pero con diagnóstico reservado. (…)”