María Reimóndez, un compromiso exemplar

EntrevistaMaría Reimóndez a María Reimóndez en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Realizaches bastantes traducións ao noso idioma, sobre todo do alemán e do inglés. Non botas de menos que a nosa literatura, especialmente a contemporánea, estea pasada a outros idiomas e que noutros países puidesen ver o noso excepcional momento literario actual? Non se debería apostar en firme desde a nosa administración por esta exportación literaria?
– María Reimóndez (MR): Dixen xa algunha vez que considero o meu traballo como tradutora un dos activismos máis importantes porque ter a capacidade de mediar a palabra doutras é unha responsabilidade magnífica. É evidente que para un sistema literario coma o noso, totalmente invisibilizado xa dentro da súa propia comunidade, contar cunha plataforma de visibilización fóra é fundamental para que se nos traduza. Se non te ven, non te traducen. As poucas traducións que hai do galego a outros idiomas son resultado do activismo de tradutoras e tradutores amantes da nosa lingua que suplen un traballo institucional sempre pendente e que é agora máis urxente ca nunca. Dito isto, cómpre sinalar tamén que o que escribimos debe de ser realmente singular e de calidade porque a pesar das invisiblidades somos quen de traspasar fronteiras. (…)
– NG: Son cada vez máis as voces (sobre todo de mulleres) que claman contra do machismo lingüístico existente (María Xosé Queixán, Aurora Marco, ti mesma…) Que ten que ocorrer para que dunha vez por todas se intente atallar este problema lingüístico? Teremos que agardar a que tamén mude esta nosa sociedade contemporánea?
– MR: Non hai cambio social sen cambio na linguaxe. As dúas cousas van da man. Eu non son de agardar, son máis de facer. Creo que se as persoas deixásemos de agardar e tomásemos máis as cousas nas nosas mans o mundo funcionaría mellor. Niso os feminismos son sempre un exemplo porque non só poñen o dedo na chaga do sexismo e a desigualdade senón que ofrecen alternativas. Agora está na man de cada quen poñelas en marcha porque mentres sigamos conceptualizado a sociedade en masculino malamente as mulleres imos chegar a ningún lado. (…)
– NG: Que ten que ocorrer para que unha muller que aparece como personaxe secundario nunha obra túa pase a ser protagonista noutra novela?
– MR: Non creo que teña que ocorrer nada en particular, cando unha escribe sabe moito máis do que acontece no mundo da novela das que finalmente acaba contando. Por iso ás veces hai cousas que unha precisa contar dende outra óptica, porque as creou e as precisou para a primeira novela. Aínda así, se cadra se te refires ao Ciclo dos Elementos no que me atopo inmersa neste momento, é importante explicar que o xermolo creativo non foi «dar vida a personaxes secundarias» senón crear un universo literario no que cada historia encaixe coas demais, como nun enorme crebacabezas. É un desafío ben grande pero tamén divertido e espero que resulte para as lectoras tan interesante como para min é escribilo. Ademais da posibilidade que me dá de estar un longo período de tempo convivindo con personaxes que cada día me descubren cousas novas.
– NG: Na túa visión de entre o rural e o urbano, coincides co “Grupo Nós” en que o galeguismo realmente reside no rural?
– MR: Non, para nada. De feito odio calquera idealización do rural. Tamén do urbano, vamos, que odio as idealizacións en xeral. Creo que son daniñas e contraproducentes. Como muller creo que a vida é complicada en calquera sitio e que o importante é o sentido crítico. Non me gusta, iso si, a percepción despectiva de clase con respecto ao rural que existe nas sociedades urbanas. Esa falta de respecto cara aos coñecementos e formas de vida que nos conformaron en gran medida e que, máis importante aínda, nos deron e dan de comer. Eu non vexo isto con distancia, teño a fortuna de vir dunha familia que ten unha parte na montaña e outra parte na cidade (de Lugo). O galeguismo reside, finalmente, en calquera persoa que crea que como pobo estamos avogadas a ser algo máis ca escravas doutros poderes e tentar imitalos. En calquera que pense que Galicia é un lugar diverso pero que ten que ter unhas bases de convivencia comúns, a máis vital delas é a lingua. Nesa idea cabe o rural, o urbano, o «transnacional» e todas as súas facianas intermedias. (…)”