María Canosa: a poeta que escoita roncar o mar

Entrevista María Canosaa María Canosa, en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Cando ti estabas a dar os teus primeiros pasos literarios xurdiu o “Batallón Literario da Costa da Morte”. Que supuxo para ti este movemento?
– María Canosa (MC): Foi unha época moi fermosa, moi activa. Supuxo decatarse de que non camiñabas soa, senón que había unha morea de xente espallando palabras e sentimentos canda ti, e facéndoo da maneira máis natural, que era o que me gustaba a min de todo iso. O lirismo mesturado polas rúas, nos colexios, nos bares…
– NG: Por moito que teñan que ver entre si a enxeñaría e a literatura, que supón maior pracer para ti, acabar o deseño dunha obra de enxeñaría ou o enxeño e remate dunha obra literaria?
– MC: Son sensacións difíciles de comparar. Rematar unha obra de enxeñaría é poñerlle punto a un esforzo conxunto de moita xente, e de moitos anos de estudo, e de moitas disciplinas que se unen. É a satisfacción do traballo rematado, do deber cumprido… e tamén a frustración ás veces de non ser totalmente libre para facelo doutro xeito, sempre suxeito aos presupostos.
O proceso de creación literaria remata nunha exposición ao lector, nun espirse e expoñerse aos demais. Que teñas máis ou menos medo depende moito do tipo de obra e do xénero, e tamén do satisfeito que quedes ti mesmo co resultado final. Hai obras que só as escribo para quitarme de enriba iso que me molesta… e sei que xamais van saír do caixón. Aí sinto un alivio grande. Outras veces é ansias porque as lea outra persoa e che diga que pensa delas… Unha obra literaria unha nunca sabe cando a acaba… Para min é un pracer manter encontros nos colexios, porque os rapaces xa “machacaron” o libro, a historia, os personaxes… e teste que enfrontar ás súas críticas, obxeccións, frustracións… A obra segue medrando… Eu aprendo moito deles, e os meus libros, tamén. (…)
– NG: Escribir para lectoras e lectores de pouca idade supoñemos que supón un reto e ao mesmo tempo un respecto… Como consegues conectar con este tipo de lector sen lle quitar o gusto pola lectura e ao mesmo tempo mergullalo na trama? E á hora de elixir un tema?
– MC: Escribir para nenos impón respecto, por moitos motivos. Eles son o noso futuro, e potenciais lectores. Buscar un tema que lles guste para que se acheguen aos libros, é complicado, pero moito máis o é desenvolvelo ao seu nivel. Hai que deixar atrás moitos prexuízos para volver converterse nun neno, ter esa inocencia nos ollos e no corazón, e a imaxinación en cada poro da pel. Non é sinxelo. É espirse, tamén, en certo modo.
A estrutura é especial. Sinxela, con frases comprensibles, pero sen repetir vocabulario, e dispoñendo retos tamén. Por que non usar palabras que descoñecen? Polo contexto quizais xa descubran o seu significado, e senón, preguntarán. Pero isto hai que dosificalo. Os nenos son moi listos! E debemos escribir para eles tendo isto en consideración. Coas lecturas tamén medran, descobren, aprenden… Conxugar todo isto e vestilo de fantasía, ilusión, maxia… require de moito coidado e traballo.
Dáme moita mágoa que non se lle dea á literatura infantil o valor que merece. Non é un subxénero. É un xénero, con maiúsculas.
– NG: E xa non digamos á hora de crear versos para estas idades…
– MC: A poesía imponme moito, para calquera idade. Para maiores porque é tan íntima… que descubrirse así ante o mundo… hai que botarlle valor! E para nenos, véxoa tan necesaria! Se xa é difícil que os nenos lean, non digamos poesía. Quizais porque a concepción clásica da poesía, que é fermosísima, non era tan intuitiva para os nenos. O que eu pretendo cando escribo poemas para cativos é precisamente esa proximidade. Que os pequenos saiban que a poesía está arrodeándonos en cada recuncho da nosa vida. A poesía é pechar os ollos, e sentir, no máis profundo. Iso é poesía. E para os nenos, a poesía ten que poder tocarse case coas mans, que é o que lles gusta a eles, a comprensión das cousas, dos versos, dos poemas. Gustaríame que tivesen aprecio á poesía, por sentila natural. (…)”