Postais literarias

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Hai tradicións literarias que esmorecen. É o sino dos tempos. Unha das máis vizosas e que máis alegrías ten dado ás nosas letras é a dos envíos de postais de nadal contendo poemas. Houbo épocas en que foron moi frecuentes e, entre os vellos galeguistas, circulaban estas felicitacións preparadas en imprenta e adornadas con fermosas ilustracións.
Como homenaxe aos que fixeron grande esa tradición, recupero, pola Noiteboa, unha desas postais enviada como felicitación en 1961. O remitente e artífice da mesma foi o xurista Roberto González Pastoriza (Moaña, 1898-Vigo, 1985), amigo que foi de Castelao e Bóveda, un dos conselleiros na redacción do Estatuto de Autonomía nos tempos da República e persoeiro significado na vindicación política e legal da nosa identidade. O destinatario era o avogado e escritor Ramón González-Alegre (Vilafranca do Bierzo, 1920-Vigo, 1968), tamén el moi vinculado aos círculos galeguistas vigueses da Posguerra, importante activista cultural que promoveu voceiros fundamentais daquel tempo como a revista Alba ou a colección poética do mesmo nome.
A postal recolle tres poemas debidos ao propio González-Alegre, Celso Emilio Ferreiro e mais María do Carmo Kruckenberg. Van acompañados dunha simbólica ilustración da autoría do fillo mozo do remitente, Roberto V. González-Pastoriza Sanjurjo. (…)”

nadal-1961