Postais literarias

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Hai tradicións literarias que esmorecen. É o sino dos tempos. Unha das máis vizosas e que máis alegrías ten dado ás nosas letras é a dos envíos de postais de nadal contendo poemas. Houbo épocas en que foron moi frecuentes e, entre os vellos galeguistas, circulaban estas felicitacións preparadas en imprenta e adornadas con fermosas ilustracións.
Como homenaxe aos que fixeron grande esa tradición, recupero, pola Noiteboa, unha desas postais enviada como felicitación en 1961. O remitente e artífice da mesma foi o xurista Roberto González Pastoriza (Moaña, 1898-Vigo, 1985), amigo que foi de Castelao e Bóveda, un dos conselleiros na redacción do Estatuto de Autonomía nos tempos da República e persoeiro significado na vindicación política e legal da nosa identidade. O destinatario era o avogado e escritor Ramón González-Alegre (Vilafranca do Bierzo, 1920-Vigo, 1968), tamén el moi vinculado aos círculos galeguistas vigueses da Posguerra, importante activista cultural que promoveu voceiros fundamentais daquel tempo como a revista Alba ou a colección poética do mesmo nome.
A postal recolle tres poemas debidos ao propio González-Alegre, Celso Emilio Ferreiro e mais María do Carmo Kruckenberg. Van acompañados dunha simbólica ilustración da autoría do fillo mozo do remitente, Roberto V. González-Pastoriza Sanjurjo. (…)”

nadal-1961

Ars dedicandi: Xosé María Díaz Castro

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Hoxe é o cabodano de Xosé María Díaz Castro, quen se nos foi hai hoxe vinte e catro anos. Marchou o home, pero ficou connosco a súa escrita, que sempre nos admirará, como tamén admirou en vida aos que foron grandes amigos seus e tiveron a fortuna de ler o magnífico Nimbos en canto se publicou no verán de 1961. Entre estes tiña lugar senlleiro Ramón González-Alegre, director que foi da célebre Alba, a cabeceira que viu por vez primeira impresos os versos de ‘Penélope’ e tantos outros.
En lembranza de quen tan memorables páxinas nos legou, deixo aquí a dedicatoria inédita que o propio poeta estampou nun exemplar da primeira edición de Nimbos enviado, dende Madrid, ao seu amigo González-Alegre, quen o recibiu en Vigo para gorentalo devagar, como deixou escrito en diversos lugares.”

ars_dedicandi_diaz_castro_gonzalez_alegre