Gonzalo Hermo: “Aquí está a miña voz poética”

EntrevistaGonzalo Hermo de Noelia Gómez a Gonzalo Hermo en Praza:
“(…) – Praza (P): Que é para ti Celebración?
– Gonzalo Hermo (GH): Desde que comecei a escribir o libro, tiven a sensación de que ía ser unha despedida nun sentido profundo. Non sabería dicir moito máis ca iso, que se trata dunha sorte de despedida, e coido que o proceso de escrita non me axudou a revelar moito máis. Ben pensado, tampouco hai nada do que estrañarse. A poesía é sempre un tatexar, un dicir sabéndose estraño. (…)
– P: Que é para ti a poesía?
– GH: A poesía é un resorte capaz de agromar do lugar onde aínda non é posible un nome. Con e contra Adorno, podería afirmarse que, despois de Auschwitz, só é posible escribir poesía. No inmediato presente, cando aínda non podemos artellar unha narrativa que explique a totalidade dos feitos, a poesía xorde como unha posibilidade da lingua que revela o noso estar aquí, abertos ao mundo.
– P: Lembras o teu primeiro contacto coa poesía?
– GH: Lémbrome de ler a Rosalía sendo moi novo e quedar tremendamente impactado. Debeu ser polos doce ou trece anos, nun momento en que Follas novas conectaba moi ben con aquela angustia adolescente. Eu non paraba de pensar: “oxalá puidese algún día chegar a escribir algo así…” (…)
– P: En canto á túa formación poética, que autores dirías que che influenciaron?
– GH: Estou moi inscrito na literatura galega desde novo. Os meus referentes máis inmediatos son galegos, de Manuel Antonio a Ferrín. O Cunqueiro de Herba aquí ou acolá. A poesía dos anos 90. Tamén houbo autores europeos que me marcaron dun xeito especial: Marguerite Duras, Paul Celan, Elfriede Jelinek. Pode ser curioso, pero o certo é que conecto moito coa escrita das mulleres. (…)”