Yolanda Castaño: un banzo máis na escada iniciada por Rosalía de Castro

EntrevistaYolanda Castaño a Yolanda Castaño en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Rexeitamos plenamente falarmos de literatura con voz de muller por cuestións obvias, pero sen embargo temos que recoñecer o forte pulo que mulleres poetas aportaron á nosa poética contemporánea, ou non? Canto lles debemos a voces como Luz Pozo, María Xosé Queizán, Helena Villar Janeiro, Xohana Torres…?
– Yolanda Castaño (YC): Efectivamente non se pode falar dunha poesía cun membrete que a cualifique absurda e uniformemente como “poesía de muller” (tan ridícula como unha suposta “poesía de home”), pero si podemos falar das diversas poéticas de mulleres, obras literarias abordadas por autoras, en moitísimos casos –ademais- cunha patente marca de xénero. Aí hai calidade, diversidade, diría que ambición literaria, incansable procura, e mesmo capacidade de risco. Abofé que as achegas son incalculables e tanto lles debemos. Moitas abriron os camiños para nós e trazaron modelos novos, logo de que o fixera a gran Rosalía. Propuxeron sendas distintas e amplas, auténticas e comprometidas coa palabra. Dado que o discurso literario estivera durante séculos en mans masculinas, por forza a incorporación da muller a ese discurso vai traer un aire fresco que xa non terá volta atrás.
Con todo, debemos ser coidadosos, atender a cada achega en particular e non entusiasmarnos autocompracentemente co mero feito da autoría feminina ou co fenómeno que en si mesmo significou. (…)
– NG: Antes falamos da interacción. Interactuaches a túa lírica coa música, coa imaxe, co audiovisual… Mais, como xustificar a interacción entre poesía e gastronomía (Cociñando ao pé da letra)?
– YC: Nese libro tratamos de descubrir canto se parecen entre si todos os procesos creativos, e a cociña tamén o é. Escollín a 22 dos mellores escritores/as galegos/as de todos os xéneros literarios e pedinlles dúas cousas: que reescribisen unha receita coa que tivesen algún vínculo emocional –e a abordasen dende un alento literario, non técnico ou teórico- e que logo a cociñasen para nós. Ingredientes, doses, condimentos… Comprobamos canto se parece o modus operandi dun creador/ou creadora xa sexa enriba da páxina en branco ou sobre o mesado da cociña.
– NG: E conectando co anterior, non podemos deixar pasar sen que nos fales de Tender a man.. Como xurdiu esta iniciativa de mestura de poesía, danza, imaxes, performance…?
– YC: Xurdiu ao tratar de crear un diálogo da poesía con outras linguaxes creativas como as que mencionas, un diálogo que pode resultar moi rico e estimulante, capaz de ofrecer ao lector/a máis asideiros, máis pistas. Este tipo de proxectos colectivos, nos que distintas disciplinas artísticas serven a un mesmo contido, teñen tamén a virtude de facernos transcender a soidade da escrita, aprendendo a achegarnos ao outro, ao código dos outros, enriquecéndonos con esa ollada dende fóra capaz de darnos respostas, ou quizais de propoñernos novas cuestións.
– NG: Desde logo que na túa poética acharemos todo tipo de temáticas, pero por que a maior parte da crítica salienta o tema erótico da túa poesía? Non será que aínda perviven certos tabús na literatura?
– YC: Non creo que a crítica documentada saliente tanto esa temática, dado que non a volvín tratar dende o ano 1998… Creo que o que ocorre é que os comezos de calquera escritor ou escritora –máxime se son, se cadra, tan profusos e ‘movidos’ coma o foron os meus- tenden a eclipsar a evolución que veña despois. Niso, os medios de comunicación tamén fan moito: teñen présa por encadrar e simplificar en tres trazos. É certo que o noso pensamento é limitado e tendemos a caracterizar simplistamente para poder manexar mellor as ideas. Os lectores/as pouco atentos poden correr o risco de descansarse nese encadramento doado, acomodaticio e limitante, en lugar de esculcar de máis preto todo o que veu despois dos anos 1995-98. Á vez, pode que a algún tipo de persoas lles chame tanto a atención o tratamento do corpo ou da sexualidade que xurda unha vez máis ese efecto ‘eclipsador’ do resto de contidos. (…)”