Gonzalo Hermo: “A literatura galega é de calidade e ten que voar soa, sen que a política a planifique”

EntrevistaGonzalo Hermo de Carme Vidal a Gonzalo Hermo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O título do seu novo libro [Celebración] deixa ver un entusiasmo e un optimismo moi pouco propios do noso tempo. Que se pode “celebrar”?
– Gonzalo Hermo (GH): Dubidei moito tempo pero logo apareceu como un flash e pareceume redondo. Nesta época de desánimo, de cambios repentinos que moitos non agardabamos, hai dúas opcións, ou nos lamentamos e nos dedicamos a chorar ou decidimos mirar para adiante e activarnos. O título tenta situar o libro nesa dinámica, nesa perspectiva crítica e esperanzadora, non inmobilista. Celebra, en ceta maneira, que estamos vivos. Neste tempo é moi fácil que nos deitemos no sofá a lairnos polo que foi e non puido ser mais eu estou con que o optimismo é revolucionario. A miña xeración está atravesada pola idea da estafa, da fraude. Nacemos nunha época de suposta bonanza, díxosenos que estudásemos que aos trinta anos teríamos traballo, piso en propiedade e parella formal. Todo iso era mentira. Aí hai dor e iso estaba reflectido no primeiro libro que publiquei mais hoxe vexo que esa actitude é perigosa porque pode levar ao inmobilismo. Este libro tenta ser a outra cara, a da activación. (…)
– SG: Como definiría entón esa liña poética?
– GH: Tentei facer unha poesía que dialogase consigo mesma, que atraese os lectores a entrar nun universo particular. Os poetas escribimos de determinados temas porque as condicións históricas son unhas e non outras e iso tamén está presente mais, de todas maneiras, o obxectivo foi crear un mundo literario propio, que procura a complicidade do lector.
– SG: Ese condicionante histórico fai política á súa poesía?
– GH: A cuestión é determinar que claves son as que fan unha literatura política que, ao meu ver, é a conciencia do momento histórico e unha toma de partido. Nese sentido, o libro é político, reclama non adormecer e activarse. Crac tiña referencias claras á guerra civil, era máis evidente. Agora non me interesaba repetir nesa clave. Defendo que o campo cultural debe ser autónomo do político. A literatura non ten que ser subsidiaria de ningún ideario nin proceso programático, tampouco o da construción nacional. O mellor que podemos facer é darlle asas á literatura e permitir que voe soa. No noso país aínda hai xente que pensa que un poemario vai cambiar a conciencia nacional. Ser produtores modernos e ofrecer obras de calidade é o que os escritores e escritoras poden facer polo país. En Galiza a literatura foi tradicionalmente o fetiche do nacionalismo e críase que a través dela se poderían mudar as cousas. A literatura galega é de calidade e temos que deixar que voe soa, sen que a política a planifique. (…)
– SG: Poeta que publica nun selo que botan a andar tamén dúas poetas. Neste tempo, por que continuar a loitar pola poesía?
– GH: A poesía fascina, atrapa e é difícil de deixar. Ten un poder de atracción moi grande. Danos algo que non ofrecen outros xéneros, falar da realidade de forma diferente e por iso non o podemos perder. Cando se reclama que sexas máis dixeríbel o que se está a pedir é que abandones a poesía e fagas narrativa en verso. O enigmático segue atraendo lectores.”