Xoán Carlos Domínguez Alberte: “A poesía ten que proclamar alto e claro que nos están aniquilando”

EntrevistaXoán Carlos Domínguez Alberte de Carme Vidal a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A que responde o título Rastros con enrugas (Corsárias, 2014)?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): Rastros fala dun protagonismo colectivo, da explotación laboral desde a perspectiva das vítimas. Co concepto rastros fronte a rostros quérese sinalar a invisibilidade das vítimas. Só hai dous nomes propios no libro, o da percebeira Mercedes Veiga que morreu por non ser atendida a tempo e o do indixente O Pichón que apareceu morto na súa casa. Do resto, todos son sen nome. Se nun hospital, de repente, desaloxan os enfermos; se un comercio ou unha fábrica pecha… esa xente desaparece. Para enfatizar a invisibilidade das vítimas emprego o concepto de rastros, como as marcas sobre a terra, que tamén fala do asoballamento por parte do capital que trata ao ser humano coma unha lesma. Son as pequenas pegadas das vítimas que se invisibilizan mais están aí. (…)
– SG: A poesía cumpre, ao seu ver, ese papel de denuncia?
– XCDA: Defendo que a poesía cumpre unha función moi acaída nese sentido, para min é como unha inxección de adrenalina en vea que ten unha dobre particularidade. A primeira é o seu efecto inmediato, unha carga de profundidade directa á intelixencia e a segunda é o seu valor duradeiro. O libro de poesía permíteche múltiples lecturas e relecturas e non se esgota nunca. Unha novela remata cando se le, a poesía é distinta en cada nova lectura. Se me pediran que escollera só un libro para levar a unha illa deserta sería, seguro, de poesía, por esa condición de obra de multitude de lecturas. (…)
– SG: A literatura ten, en certa medida, obriga de transparentar o sofrimento da súa época?
– XCDA: A función do escritor é ser testemuña do seu tempo. No libro aparecen moitas citas de autores e autoras aos que sigo e estimo. Son autores que, sen dúbida, están comprometidos coa realidade do seu tempo desde Sarrionandia ate Mahmud Darwix e en todos eles dase esa mesma vontade. Quedan aínda escritores qu enon fuxen desa realidade aínda que haxa tamén moitos que se evaden en torres de cristal ou que se deixan suavizar polos bálsamos e pequenas tentacións que lle ofrece o poder. Para min, o intelectual ten que estar comprometido e ser crítico, se non non é intelectual. (…)
– SG: Malia iso, o libro non é pesimista. É a vontade de reaxir a que o impide?
– XCDA: Non comparto a visión desde a nostalxia, o paraíso perdido que é como aceptar a denuncia, a derrota. Dado o meu carácter vital e comprometido non podo compartir esa posición. Son contraposto á rendición e, nese sentido, unha máxima que teño sempre presente é a de “denantes mortos que escravos”. O compromiso é loita e movemento e non pode claudicar, renunciar, ningún intre da nosa existencia.”