Inma López Silva: “A experiencia vital é a que nos nutre como artistas”

EntrevistaInma-López-Silva-685x1024 de Carlos Loureiro a Inma López Silva en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Desde logo que ser profunda estudosa de teatro nada ten que ver coa arte escénica -ti mesma recoñeces que non posúes talento escénico- pero xamais te viches participando na posta en escena dalgunha obra teatral?
– Inma López Silva (ILS): Coma case todos os nenos, fixen teatro escolar, claro, e o meu contacto coa Profesión escénica condúceme, cada vez máis, a ter propostas de participación no lado creativo, si. Seguramente en breve me anime, pero non como actriz.
– NG: Por que cres que pasa máis desapercibido o gran momento que está a pasar o noso teatro, cando menos a nivel de produción? Claro que o de ser levado á escena xa é outro cantar…
– ILS: En xeral, o teatro non é unha arte maioritaria en Galicia, e sobre ela pesa, dunha maneira tremenda, a forte filoloxización dos discursos que dan moita máis importancia á literatura. Evidentemente, o teatro galego non é a súa literatura dramática, que ten os seus propios problemas, e o lado escénico, que realmente o define, sufriu dunha forma moi notábel esta crise noxenta. Mais a profesión teatral galega está afeita a resistir, malia todo. Esa Profesión teatral a miúdo constrúe os seus propios textos para traballar en escena, adaptados ás súas necesidades, circunstancias e intereses artísticos, que non sempre coinciden cos dos nosos dramaturgos. Quizais por iso hai unha certa distancia entre produción dramatúrxica e produción escénica. (…)
– NG: E xa metidos en materia desta última obra [Maternosofía], como xurdiu a idea da súa escrita? Foi realmente unha reacción de rebeldía persoal contra unha circunstancia considerada universalmente como ligada á muller -incluso na propia literatura- ou máis ben contra algo co que non acreditabas persoalmente -ti mesma falas da túa carencia de sentimento maternal-?
– ILS: Un pouco das dúas cousas. Xa antes de empreñar, consideraba que había moito que dicir e que reflexionar desde o feminismo sobre o asunto da maternidade, tan chea de mitos e de falsos amigos para nós. Entre eses falsos amigos estaba o asunto do “instinto maternal”, sobre o que eu tiña unha hipótese cuxa comprobación experimentei en carne propia a través do embarazo. Por iso Maternosofía ten ese ton de alegato e, ao mesmo tempo, de confesión e de declaración de amor pois, no fondo, quizais o que nos empeñamos en ver como un rol non é máis ca unha forma de experimentar o amor…
– NG: Sabemos que ti es unha muller profundamente concienciada coa liberación feminina… Puido ter que ver tamén este pensamento para a concepción desta obra?
– ILS: Si, por suposto. Quería escribir un ensaio feminista e pareceume un formato idóneo. (…)”