Antía Otero: “Non hai nada máis fermoso para unhas editoras que publicar no seu selo aqueles títulos dos que se namoraron”

EntrevistaApiario a Antía Otero en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): É evidente que son máis necesarios que nunca os selos de poesía. Se publicar resulta moi complicado darlle saída a un poemario xa parece un labor titánico. É preciso apostar por novas fórmulas para visualizar a creación poética?
– Antía Otero (AO): Si. De feito nós pensamos que o sistema editorial na súa vontade de competir con outros formatos está a adquirir maneiras que non lle son propias. Os libros “pasan de moda” practicamente aos dous meses de estar nas librarías. Un termo, o “pasar de moda”, co que non concordamos e que non fai outra cousa que acurtar a vida do libro. A nosa idea é acompañar *s autor*s e ás súas creacións o maior tempo posible, así como desenvolver moitas das súas posibilidades. O libro non morre nas súas páxinas.
– LeO: Dende Apiario, ademais de editar, tedes previsto impartir cursos e formación literaria e creativa. Tiñades claro que eran necesarias novas vías de ingreso para ter viabilidade nun momento tan complexo?
– AO: Os cursos de escrita e os obradoiros de Apiario non foron deseñados posteriormente á parte editorial buscando neles unha fonte de ingresos para o proxecto, senón que son o pilar fundamental do proxecto. Tanto Dores Tembrás coma min levamos moito tempo coordinando estas actividades tanto no ámbito público coma no privado. Dende hai anos é parte do noso traballo e da nosa dedicación. Agora, cando puxemos as experiencias enriba da mesa, vimos realmente o traballo que xa hai detrás. Poñer en valor a palabra, o que se dí e o que non, tamén dende o ámbito teórico e da experimentación, é fundamento… ao igual que é xuntarse c*s participantes dos obradoiros que cada semana ao longo do ano traballan continuadamente con nós, ou que asisten a un curso ou sesión específica. As nosas sesións rematan sendo, un lugar de encontro onde escoitar e compartir dende o respecto, o ánimo de aprender e a crítica fundamentada. Damos moitas posibilidades. Dende obradoiros presenciais e continuados, cursos on_line e monográficos, ou laboratorios dirixidos por autor*s e artist*s que nos interesan realmente e que cada vez que nos visitan son un vento novo.
A parte editorial e o laboratorio de escrita son para nós vasos comunicantes e así o entedimos dende antes de comezar. (…)
– LeO: Antía, agora xa dende o outro lado do escenario, que debe ter en conta un escritor ou escritora á hora de facer chegar o seu traballo a unha editora? Que consellos lle darías?
– AO: Non me sinto na situación de dar ningún consello. Escapo deles. A escrita e a lectura é algo moi persoal e todas sabemos que o que che pode gustar a tí a outra persoa pode darlle para atrás. O que sí se agradece é recibir obras onde ves que existe un traballo detrás, un tempo, unha demora, unha dedicación. Que verdadeiramente hai unha vontade artística, literaria, de transmisión…unha necesidade de contar iso que se está a escribir. Non hai nada máis fermoso para unhas editoras que publicar no seu selo aqueles títulos dos que se namoraron e que admiran como lectoras.”