Casas literarias: Rosalía de Castro

casa-da-matanzaDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Rosalía é a Casa, a nosa Casa, a Casa da literatura galega. Pero Rosalía tivo tamén moitas casas, vivendas que foron configurándose como territorios vitais imprescindibles para comprender a grandeza da súa biopoética.
De entre todas esas casas, escollo aquí a que a emblematizou máis visiblemente: a Casa da Matanza, en Padrón, sede hoxe da fundación que leva o seu nome, sancta sanctorum para os rosaliófilos —tamén para os rosaliólogos— do mundo orbe, pagá catedral de peregrinación laica e poética á que acoden, ano tras ano, milleiros de peregrinos lectores que, tal día coma hoxe, aniversario do seu nacemento, farán daquel lugar o epicentro de Galicia.
Na Casa-Museo da escritora custódianse moitos dos que se consideran os seus efectos persoais, mobiliario e outros obxectos a ela vencellados como cadros, libros en primeira edición e demais. Direi aquí algo que saben poucos e que talvez pase desapercibido. Non debería. A casa de Arretén ficou baleira trala morte da escritora e só se recuperou moito despois, en 1946, cando a adquiriron Xosé Villar Granjel e mais Xosé Mosquera, quen ordenaron a primeira restauración en 1951 a Manuel Gómez Román. Logo, vinte anos máis tarde, sendo presidente da Fundación Agustín Sixto Seco e coa axuda de Andrés Fernández-Albalat na parte técnica, a vivenda puido configurarse como o que hoxe é, Casa-Museo. Pois ben: entre 1885 e 1946 non é plausible pensar que todo o que a familia Murguía Castro atesourara no seu interior ficase alí, contemplando o po das décadas. E velaquí a nova: cónstame, por conversas cun meu amigo benquerido, que a súa anciá sogra, dona Corona, filla dunha serventa da propia Rosalía, gardou parte dese mobiliario orixinal que lle foi regalado tras o pasamento da insigne escritora. Non sei que será hoxe de todo iso, non volvín falar co amigo do tema. Sería ben que o fixesen os membros da Fundación.
Maiscasa-natal-Rosalía-de-Castro a Casa da Matanza é o termo de estación dun tren vital que tivo un intenso percorrido. Antes foi a casa do Camiño Novo (hoxe Rosalía de Castro) en Santiago, onde veu ao mundo hai agora exactamente 178 anos. No seu día, a revista Vida Gallega publicara unhas fotos do estado da vivenda e como esboroaba a primeiros do pasado século.
Tras dela e, ao que parece, ata 1842, a vivenda de referencia para a nena Rosalía pasou ser a das tías paternas María Josefa e Teresa Martínez Viojo, no Castro de Ortoño, lugar de Tarroeira.
Pero cando contaba sete anos sabemos que morou con súa nai na propia vila de Padrón, na daquela chamada Rúa do Sol, hoxe coñecida como Xoán Rodríguez do Padrón, de onde non se coñece que marchase ata 1850 (talvez mesmo antes, quizabes en 1847), sendo moceta Rosalía, un tempo no que entrou en contacto coa vida cultural da Compostela á que foi vivir e onde se revelou a Rosalía actriz dos seráns do Liceo de la Juventud.
En Santiago, alén da natalicia, son varias as vivendas que habitou ao longo da vida. Primeiro na compaña de dona Teresa de Castro e Abadía, súa nai. Anos máis tarde, co que foi o seu esposo, Manuel Murguía. A xeografía das casas da autora de Cantares gallegos conta alí con localizacións en Bautizados, 6 (1851-1855); Conga, 1 (1859); Praza da Universidade, 4 (1863), Callobre, 40 (1868), Senra, 17 (1875); Altamira, 2 e Hórreo, 9 (1878-1879).
Polo medio desas intermitentes estancias en Compostela, Rosalía viviu tamén en Madrid, a onde o soño de consagrarse como escritora a empurrou e a onde marchou en abril de 1856, con dezanove anos. Alí parou primeiro con súa tía, María de Castro, na rúa Ballesta, 13. Logo, noutros lugares, xa en compaña do home co que casou o 10 de outubro de 1858 en San Ildefonso, Manuel Murguía.
Nese viaxar polas vivendas rosalianas habería que contar aínda os lugares de Simancas, A Coruña ou Lestrobe, todos eles tamén necesarios para ben comprender como foi nacendo a obra da poeta.
Maiscasa-ortoño a Casa da Matanza viu o tempo máis intenso, o derradeiro alento. Permaneceu pouco nela, apenas dende 1883 ata o pasamento o 15 de xullo de 1885, pero mentres alí estivo Rosalía foi xa a Rosalía consagrada en vida que hoxe coñecemos. Aqueles espazos pé da casa foron os derradeiros que andou e alí chorou polo mar que non lograba ver antes de se ir. Arretén foi a súa badía de veludo nas Terras de Iria. Hoxe é un santuario ao que todos os bos e xenerosos deberiamos ir, sequera unha vez.”