Entrevista
a Carlos Callón en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): O título [Atravesar o fantasma] é un termo da psicoloxía. Por que?
– Carlos Callón (CC): Eu era unha persoa moi crítica coa psicoterapia, pero axudoume a facer este libro. En dous aspectos: para atreverme a publicar, despois de 17 anos facendo poesía, e para organizar as miñas obras cun sentido xeral. Os 35 poemas deste libro forman un deses conxuntos de puntos illados que, cando os unes cun lapis, forman unha figura.
– LO: Por que tardou en publicar?
– CC: Non sei responder a iso (ri). De ensaio levo cinco libros, e de poesía, da que gañei un premio con 18 anos, publico agora por vez primeira. (…)
– LO: Os dous grandes temas do libro son a sexualidade e a morte.
– CC: Son esas dúas preguntas que aos seres humanos nos custa responder: o eros e o tánatos. No meu caso, o descubrimento da sexualidade está ligado á homosexualidade, un tema que xa non se vive igual agora que nos anos da miña adolescencia na sociedade galega.
– LO: Cambiou moito a situación?
– CC: É radicalmente diferente. Pasaron 20 anos pero parece que pasaran máis de 300, con cousas como o matrimonio homosexual.
– LO: Como aborda a morte?
– CC: Digo no libro que ‘todas as mortes son a morte do meu pai’. No proceso de dó é habitual que se lembren perdas anteriores. Esta rememoración existe porque non temos resposta ante a morte, non hai xeito de darlle sentido.
– LO: A arte serviulle de terapia?
– CC: Non (rise). Nalgún momento ou situación, a poesía pode empregarse para transmitir a dor, pero non creo que o libro sexa terapéutico.
– LO: Parece todo pouco optimista.
– CC: A felicidade plena non é posible, e é importante asumir que a vida ten unha parte negativa. Optimismo? Si, no sentido de que se pode vivir mellor, e seguir vivindo aguantando os golpes. Pero estou totalmente en contra da ditadura do ja ja ja, do tabú creado en torno á morte, que cada vez é maior, e da psicoloxía positiva. E chámoa positiva porque así é como a denominan, porque de positiva non ten nada. Pregoa a idea de que hai que vivir sempre sorrindo, dicindo que felices somos en Twitter e en Facebook. Iso non quere dicir que a vida sexa un inferno (ri).
– LO: E que quere dicir, entón?
– CC: Que si que podemos sentirnos tristes, ben sexa por un motivo obxectivo, como unha perda, ou simplemente porque si. Algo que nas redes sociais, como mencionaba, está mal visto. Hai outro fenómeno que en Galiza aínda non está moi presente, aínda que se empeza a ver, pero si se dá noutras sociedades máis urbanizadas: hospitais nos que os enfermos non están acompañados polos seus familiares. Ese escapar do negativo. (…)”