Entrevista a Baldo Ramos en Palavra Comum

EntrevistaBaldo Ramos a Baldo Ramos na revista Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que supõe para ti a literatura?
– Baldo Ramos (BR): Para min a literatura é un xeito de ver, máis ca un xeito de escribir. Esta visión da literatura leva emparellada unha actitude persoal, non pretendida, pero inevitábel. Unha actitude de certa distancia coa maquinaria comercial da produción literaria. Por iso o meu territorio literario non o concibo fóra da poesía. Nel un está bastante a salvo das ambicións de chegar a un público masivo, compracente e consumista de literatura. Aínda que está moi ben que exista este tipo de produción literaria, que é a que permite que o negocio da literatura sexa rendíbel, o meu traballo nunca sufriu as tentacións deste reclamo.
– P: Como entendes o processo de criação artística (num sentido amplo)?
– BR: Poda e enxerto, iso é a creación, escribín nun libro-catálogo que editara a galería Sargadelos de Ferrol hai agora sete anos. Contención e equilibrio, por un lado, e experimentación, por outro. Non crear para, senón crear por. Por pura necesidade de dar coas portas de acceso a una casa que pretendemos, por todos os medios, facer habitábel. Esa casa que nos acolle da intemperie do tempo e das cicatrices que deixa en nós.
– P: Qual consideras que é -ou para onde deveria caminhar- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, artes plásticas, etc.)? Como é a tua -relevante- experiência nestes âmbitos?
– BR: Coido que nos últimos tempos se teñen dado moitas experiencias, e moi interesantes, a partir de diferentes diálogos e confluencias entre artes, aínda que, quizais pola excesiva especialización e certa miopía na recepción, non sempre se valoran de xeito integral e por iso a súa consideración tende a ser parcial e reducionista. Pero penso que, aos poucos, con achegas que, aínda resultando minoritarias, resulten atractivas, o público irá progresivamente tendo maior cantidade de referentes para poder xulgar estes diálogos que, de primeiras, non sempre resulta doado descodificar ou valoralos sen prexuízos.
No meu caso, a pintura é unha experiencia que ten enriquecido a miña escrita. Xa non podería entender os dous traballos de xeito disociado. Pero nos últimos tempos, a pintura proporcióname uns espazos de maior liberdade á hora de experimentar que a poesía non me ofrece de partida. De aí que moitos dos meus proxectos literarios, ultimamente, nazan ou se desenvolvan, dalgún xeito, superpostos á plástica. Porque é aí onde sinto que a experiencia poética se abre a espazos novos de maior interese para min nestes momentos. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– BR: É obvio que a literatura galega na actualidade ten unha vitalidade que seguramente non tivo nunca. Pero a sociedade non termina de conectar con ela, unhas veces por descoñecemento e outras por desconfianza. Imaxino que entre todos teremos que ir aproximando eses espazos de contacto, tan distantes en moitos casos. E aí todos temos cousas que aportar, non só os poderes públicos, que neste sentido deberían ser os primeiros en dar exemplo e planificar todo tipo de iniciativas de normalización cultural, indo ás necesidades de raíz, intervindo a pé de rúa e, dende logo, dende a idade primeira, na que os nenos deberían formarse sen prexuízos sobre o seu patrimonio lingüístico e cultural. E neste ámbito, dende logo, eu, que son pai de dous pequenos, vexo que as carencias son enormes. (…)”