Entrevista de Montse Dopico a Carlos Callón en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Por que o título Atravesar o fantasma?
– Carlos Callón (CC): Nun dos paratextos do libro puxen, a xeito de brincadeira, “(e aquí iría unha cita de Lacan)”. Tamén é unha maneira de colocar algo de humor antes de tanta transcendencia. A psicanálise de Lacan paira despois pola obra enteira. Atravesar o fantasma é un concepto lacaniano. É o camiño que na psicanálise se percorre polo que nos determina na vida. É, dunha banda, o que nos contamos a nós mesmos da nosa propia vida, -o fantasma consciente-.
Atravesar o fantasma é ver o mundo doutra maneira. Tamén ten unha parte inconsciente, relacionada cos soños que todas e todas temos. Os soños que ás veces parécenos que non teñen que ver coa vida,e que nos conmoven especialmente. Hai poemas, no libro, que obedecen a unha situación biográfica concreta. Outros poderían responder máis aos significantes que aparecen nos soños.
– MD: Así que che interesa a psicanálise, como che interesaba a historia da homosexualidade, que te levou a escribir Amigos e sodomitas.
– CC: Curiosamente, eu coa psicanálise comecei sendo moi crítico. Cando Chao Rego escribiu A condición homosexual, eu sacara unha reseña que se titulaba: “Unha vela a Deus e outra a Freud”. Felicitaba o autor polo adianto que supoñía o libro no panorama ensaístico galego, pero criticaba a psicanálise. Eu daquela tiña prexuízos: que Freud era machista e todo iso. Coa práctica clínica lacaniana comprendín moitas cousas.
Transformou a miña maneira de vivir e de ver o mundo. É verdade que nos ambientes culturais, coñécese moitas veces a Lacan polo que Žižek di del, que non é a mellor maneira de coñecelo. A psicanálise, si, é un dos meus grandes intereses desde hai anos. Penso que pode mellorar moito a vida das persoas.
– MD: Esperaches para publicar os teus poemas ata que cumpriches 35 anos. Por algún motivo especial?
– CC: Ata hai uns días non tiña resposta para esa pregunta. Mais matinando din co concepto de contratransubstantación. A transubstanciación é un concepto católico, do momento da Eucaristía no que o sacerdote colle o pan e o viño, o corpo e o sangue de Cristo. E hai que ter en conta que, para a Igrexa, isto non é unha metáfora, senón algo real. Mesmo morreu moita xente por discutir isto.
A cuestión é que houbo momentos na miña vida que estiveron cargados de dor, como cando morreu meu pai sendo eu un neno. Coa psicanálise conseguín deixar atrás o pan deusizado, facelo pan comestible. Sabendo que a ferida continúa, pero doutra maneira. Non hai forma de vivir sen feridas. Ou tes feridas, ou non tes vida. Iso é o que di o último poema do libro. Nesta obra falo de cousas que me produciron moita dor. Cousas das que agora xa podo falar. (…)”