Fran Alonso e os hiperversos

DesdeFran Alonso Cultura Galega:
“A pasada semana abría o web Poetic@.gal. Un estraño remexido de textos, con versións en galego, portugués e castelán, con ligazóns e todo tipo de agregados no que, organizados nas seccións Teoría do banal, Ciberpoesía, Epitafio e Postdata, Fran Alonso daba renda solta á súa creatividade multimedia. Segundo explica no texto de presentación do proxecto, “múltiples fíos entrelázanse coa incorporación da publicidade, da voz coloquial, do enredo, do discurso político, do slogan, do recurso web, das propostas en vídeo ou en audio, da música, do emoticono, da canción infantil e de materiais lingüísticos de procedencia diversa”. A proposta non busca unicamente complementar o texto literario, senón explorar a interrelación de todos os elementos. “Poétic@ cuestiona a propia razón da poesía cun poemario participativo no que o hipertexto, máis aló de cumprir unha función informativa, pode cambiar o sentido do poema, confundindo os lectores e lectoras e solicitándolles un novo pacto de complicidade e relación ao abeiro das novas tecnoloxías”, sinala a presentación do proxecto.
Os elementos multimedia modifican en moitos casos a lectura ou a percepción dos poemas polos usuarios, e mesmo chegaron a condicionar a escrita de determinados versos. “As linguaxes máis iconográficas ían modificando moitas veces o propio discurso do poema. Achegaban novos significados e mesmo mudaban completamente o texto mediante a contradición e a ironía. Isto ao comezo desconcertábame, pero logo vin que era unha marabilla e que lle daba novas dimensións á obra”, explica o autor. Canda a isto, “tiven que mudar frases e palabras ou buscar disposicións gráficas máis axeitadas para cada poema. Algo que semella unha parvada é que o feito de que cada páxina teña que ter unha URL implicou que lle tivese que pór título a todos os poemas, cando nun comezo moitos non o tiñan. Isto tamén me permitiu afondar no xogo da ironía”.
A iniciativa supón un proxecto pioneiro no desenvolvemento da poesía electrónica en Galicia. “O proxecto naceu sobre o papel” recoñece Alonso. “Na primeira fase escribino de xeito convencional entre 2008 e 2010, pero xa tiña unha estrutura pensada para a rede. A idea das ligazóns internas xa estaba aí”. Malia á decidida aposta polo dixital a pegada analóxica está presente na obra, por exemplo nos números de páxina que acompañan os diferentes poemas. “Foi algo que fixemos para darlle aspecto de libro. Tamén empregamos un branco roto para dar certa textura de papel e un sombreado que insinúa esas páxinas”. Para alén desa aparencia, e de introducir elementos como a capa, o índice ou o limiar, a experiencia Poétic@ transcende en moito o concepto de volume, e o propio autor chega a definir a obra como unha “instalación poética”. Vídeo, fotografías, audio de recitados, ambientes sonoros, tests, adiviñas, sinaturas en liña ou ligazóns externas son algúns dos recursos cos que se vai atopar o lector. Segundo segura Alonso “quería meter un pouco de todo, sobre todo das redes sociais. Tiña moito interese en Twitter, Tumblr e Facebook. Pero en xeral os recursos que introducín eran os que ía pedindo o texto”. Así, segundo asegura, a procura e creación de elementos multimedia para este proxecto ocuparon boa parte do proceso de elaboración. “O último ano traballei exclusivamente en liña e foi moi intenso, mesmo acabei cunha inflamación ocular de tanto ollar a pantalla”. (…)”